A Xunta utiliza unha imaxe irreal creada con intelixencia artificial para promover o turismo

Imaxe por IA empregada pola Xunta en Instagram para promocionar o país. (Foto: Xunta).
A estampa de dúas persoas camiñando cunha mochila ao lombo, pode conseguirse de forma gratuíta no repositorio de imaxes 'Freepik', e foi creada empregando a intelixencia artificial.

A conta oficial da Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza na rede social Instagram, que conta con máis de 21.000 seguidores e seguidoras, quixo promocionar o seu "amor por Galicia" durante o Día da Patria cunha publicación.

A mesma constaba dunha serie de oito fotografías de paisaxes e atractivos do país (mares, montañas, baile, gastronomía...) que acompañaba do seguinte texto:

"Hoxe máis ca nunca mostramos o noso amor por Galicia! É complicado escoller entre tantas opcións coas que namorarnos da nosa terra, pero seguro que conectas con algunha destas propostas... Cal é o teu 'match' perfecto?".

O concepto de 'match' fai referencia ao modus operandi de Tinder, unha aplicación para coñecer xente e atopar parella. Mais, o feito de superpor unha lapa sobre o retrato da vexetación da Ribeira Sacra, unido a que 'match' en galego significa misto, levou ás persoas usuarias das redes a mofarse, preguntándose se desde o Goberno galego estaban facendo unha incitación á queima.

De todos modos, esta non foi a única característica cuestionada da campaña, pois a última das oito fotos da galería non corresponde a ningún paraxe galego, senón que está xerada por intelixencia artificial.

A estampa que ilustra esta nova, de dúas persoas camiñando cunha mochila ao lombo, pode conseguirse de forma gratuíta no repositorio de imaxes 'Freepik', e foi creada empregando a intelixencia artificial polo usuario @vecstock, que lle puxo como título 'Homens e mulheres caminhando no pico da montanha juntos gerados por IA'.

Antes que o Goberno galego, esta mesma imaxe foi usada, por exemplo, na páxina web dun fondo de investimento de Nova Zelandia.