A Xunta fecha un consultorio de Atención Primaria no Saviñao

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade, no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)

O feche de consultorios de Atención Primaria sucédense este verán na Galiza. Castro de Rei, no concello homónimo da comarca da Terra Cha, ou Currelos, no municipio do Saviñao, nas Terras de Lemos son só dous exemplos. Galiza lidera a clausura desde tipo de centros sanitarios no Estado.

 

O consultorio de Atención Primaria de Currelos permanece fechado na primeira quincena de xullo. Segundo denuncia o secretario local da CIG-Saúde de Monforte, Vicente Vázquez ,“é a primeira vez que se fecha a consulta do médico de Currelos”.

Vicente Vázquez lembra que “na primeira quincena os pacientes son atendidos polos médicos do centro de saúde de Escairón”, localidade onde esta emprazada a capitalidade do municipio do Saviñao.

O concello do Saviñao destaca pola súa extensión e dispersión xeográfica. Mentres Currelos se empraza no norte do concello do Saviñao, perto dos municipios de Paradela ou de Taboada, Escairón localizase no sur, tendo próximas localidades como Monforte.

Vázquez indica “O Saviñao é un municipio con moita dispersión xeográfica e se un médico de Escairón tivera que ir a un domicilio pertencente ao consultorio de Currelos pode haber uns 30 quilómetros, indo por estradas secundarias e podendo tardar máis de 30 minutos”.

O centro de saúde de Quiroga

A federación da saúde da CIG alerta dos problemas da Atención Primaria en toda a zona conformada polas comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga. Neste punto, pon o foco na falta de medios na área de Quiroga.

O servizo de Atención Primaria de Quiroga atende á poboación dos municipios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Caurel. Segundo Álvarez, “este servizo é un dos poucos da área sanitaria de Lugo que non ten traballador social no centro de cabeceira”, emprazado en Quiroga.

O secretario da CIG-Saúde de Monforte denuncia que os pacientes do servizo de Atención Primaria de Quiroga teñen asignada como traballadora social de referencia a profesional do centro de saúde de Monforte de Lemos, “cun cupo de 30.000 habitantes”.

Dispersión

Vázquez explica que “se un paciente ten que facer unha tramitación ten que acudir de xeito presencial á localidade de Monforte de Lemos” situada “ a máis de 80 quilómetros desde parroquias de Seoane do Courel”