A Xunta fecha a UCI do hospital de Conxo

Hospital Conxo en Compostela.

Os recortes sanitarios chegan agora ao hospital de Conxo en Compostela. A xerencia desa área sanitaria acordou deixar sen servizo a UCI dese centro hospitalario e trasladar o seu persoal ao hospital Clínico desa cidade.

A representante da CIG, Irene Tato lembra que desde hai anos a xerencia área sanitaria de Compostela bloquea camas de UCI durante o verán no hospital de Conxo, que queda só coa matade das prazas.

A Consellaría de Sanidade deu este ano un paso máis. Segundo denuncia Irene Tato “a este habitual recorte de medios súmase este ano o feche completo da unidade”

“A planificación que fai a xerencia é manter habilitadas 15 camas na UCI do Clínico e cando este non teña máis dispoñíbeis, os doentes serán derivados á unidade de reanimación”, sinala Tato, quen lembra que “serán atendidos polo seu persoal, sen contar co específico de UCI para os seus coidados".

Tato afirma que o persoal trasladado da UCI do hospital de Conxo quedará de soporte para a UCI do Clínico "sen ter a día de hoxe as súas funcións e responsabilidades ben definidas”

Sen planificación

A represente sindical do persoal deste centro hospitalario denuncia a falta de previsión e planificación da xerencia da área sanitaria de Compostela e critica que segue sen aplicar o plan funcional acordado para o servizo.

"A día de hoxe este plan está metido nun caixón e non se fixo efectivo", advirte Tato, quen sinala que "é notoria a falta de planificación de relevo xeneracional, a falta de contratos dignos a o persoal facultativo que deciden abandonar esta área sanitaria buscando mellores condicións laborais".