A Xunta fechará un mínimo 639 camas hospitalarias durante os meses de verán

Vestidas de negro, profesionais sanitarias das urxencias do Hospital Arquitecto Marcide, concentráronse na porta de acceso ao servizo. (Foto: Nós Diario).

As queixas polo funcionamento da sanidade pública sucédense por toda Galiza. Un dia despois que o presidente Alfonso Rueda recoñecese un verán con “tensión” no sistema sanitario, as protestas chegan a diversos puntos do país. Mentres tanto,  o Goberno galego responde co feche de 639 camas nos hospitais galegos.

 

Os diferentes niveis de atención sanitaria mobilízanse na Galiza. Así, na xornada de onte, centos de persoasprotestaron no Porriño contra o desmantelamento da Atención Primaria na localidade. O acto rematou coa intervención do voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, que denunciou a falla de profesionais como “problema central do sistema de saúde”. Neste sentido, advertiu da “política de recortes aplicada pola Xunta da Galiza, quen “non só non amplía o orzamento sanitario en primaria senón que o reduce como acontece nesta anualidade”.

Sanxenxo

Os problemas chegaron, tamén, a Sanxenxo. A vila do Salnés, onde o alcalde ofreceu aloxamento gratis aos facultativos, non contará con profesionais para cubrir as vacacións do persoal de enfermaría e pediatría do Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar. Neste sentido, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo denuncia que “de dous equipos que habitualmente se incorporaban ao centro para desprazados, só se incorporará o 1 de xullo unha praza de enfermaría e o 7 de xullo, un facultativo; este equipo será, en teoría quen teña que atender todos os desprazados deste concello”.

A concentración de onte no Porriño ten continuidade hoxe en Moaña e Tui con dúas novas mobilizacións. O concello do Morrazo, tras 29 semanas consecutivas de protesta en defensa da recuperación do servizo de urxencias, volve saír á rúa ás 21 horas desta sexta feira, coincidindo co traslado do persoal sanitario da vila ao PAC de Cangas e o fechameto dos servizos médicos na localidade. Pola súa parte, a Plataforma pola Sanidade Pública de Tui convoca unha concentración diante do centro de saúde para denunciar a “falla de médicos no verán, as condicións da sala de espera de urxencias e a falla dunha ambulancia medicalizada”.

Moaña e Tui

Os casos do Porriño, Sanxenxo, Moaña e Tui non son una excepción. O propio presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, admitiu a cuarta feira na sesión de control do Parlamento da Galiza, “problemas” no ámbito da sanidade pública e, moi particularmente, en Atención Primaria, onde se vivirán no verán “momentos de tensión”. Asemade, desde SOS Sanidade, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que “todo apunta a uns meses moi duros polos recortes executados polo Goberno galego” e dá por feito “mobilizacións e protestas en toda Galiza”.

A situación non está mellor en Atención Especializada. Onte mesmo, concentrouse o persoal de urxencias do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, que cualifica a situación de “insostíbel” e denuncia esperas habituais de 24 a 48 horas en padiolas “sen distancia de seguridade entre pacientes, obstaculizando saídas de emerxencia que poden ser necesarias en caso de evacuación, vulnerando dereitos fundamentais como a intimidade e a privacidade e limitando necesidades básicas como o aseo”. Outro tanto aconteceu no Barco de Valdeorras, onde a xunta de persoal do distrito sanitario de Valdeorras e a veciñanza mobilizouse na tarde de onte.

Hospital do Barco

O voceiro do órgano de representación sindical no centro do Barco, Suso Vilasánchez, indicou a Nos Diario que “o Hospital Público de Valdeorras está deixando de ser un hospital para converterse nun centro de especialidades onde o persoal vén pasar consulta e marcha. Vai camiño de ser un ambulatorio con camas de crónicos e xeriatrías”. Asemade, responsabiliza desta situación ao proceso de centralización sanitario impulsado polo PP, “onde todo se centrou en Ourense e O Barco foi perdendo recursos, unhas veces coa desculpa de optimizar e outras coa de que non había especialistas que quixesen vir a Valdeorras".

A decisión da Xunta da Galiza de fechar durante os meses de verán un mínimo de 10% das camas en funcionamento nos hospitais galegos ameza con agravar os problemas. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), esta medida significaría reducir en 639 o número de prazas hospitalarias no Servizo Galego de Saúde (Sergas), nun momento de pandemia e de aumento da poboación polo efecto do turismo. Precisamente, onte deputada do BNG, Iria Carreira, afeou no Parlamento da Galiza ao director xeral de Asistencia do Sergas, Jorge Aboal, o feche destas camas nun momento en que “40.401 pacientes agardan por unha intervención cirúrxica”