A Xunta inicia a adxudicación de prazas de "difícil cobertura" para paliar "en parte" o déficit no Sergas

Sucédense as críticas polo estado da Atención Primaria na Galiza. (Foto: Europa Press)
O Goberno galego exímese de toda responsabilidade e culpa o Executivo estatal da falta de persoal na Atención Primaria, unha especialidade na que deciden quedar menos da metade dos residentes MIR.

A Xunta da Galiza vén de iniciar a tramitación da normativa que estenderá a provisión por concurso de méritos ás vacantes de "difícil cobertura" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en prazas para Atención Primaria, hospitais comarcais e saúde mental.

O Executivo publicou esta segunda feira no Portal de Transparencia e Goberno Aberto o denominado 'Anteproxecto de Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Sergas'.

Tal e como explicou o Goberno galego nun comunicado, a tramitación desta norma realízase con "carácter de urxencia", habilitando un prazo de sete días hábiles para a presentación de suxestións. A idea é apurar o trámite desta normativa para resolver "cando antes" as necesidades organizativas actuais e "garantir a continuidade asistencial e a calidade" dos servizos sanitarios.

"A necesidade de dotar de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da Galiza motivou que a Xunta impulsase esta medida lexislativa, coa que pretende paliar en parte o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta todas as comunidades autónomas nestes momentos mentres continúa o incumprimento dos compromisos da reforma da lexislación estatal", apuntou no comunicado.

Esta nova lei pretende ampliar a convocatoria máis aló da Primaria, que xa en 2022 cubriu máis de cen postos desta forma, estendéndose tamén ás especialidades máis difíciles de cubrir en hospitais comarcais —como traumatoloxía, radioloxía ou internistas— e en saúde mental. As persoas elixidas terán que ficar un mínimo de dous anos no posto adxudicado.

Residentes MIR nos centros de saúde

Outra das medidas anunciadas pola Consellaría de Sanidade para paliar este déficit, do que se exime de toda responsabilidade e culpa o Goberno estatal, non estivo exenta de polémica: permitir que residentes MIR de cuarto ano de residencia fagan gardas nos centros de saúde "acompañados por un médico de Urxencias", se ben o conselleiro, Julio García Comesaña, deixou a porta aberta a que cando teña que saír o médico o residente decida "acompañalo ou quedar no centro".

Sobre esta cuestión, o Consello Galego de Colexios de Medicina sinalou recentemente que deixar persoal en formación a cargo das tarefas sanitarias dos PAC sen supervisión vai en contra da lei, así como da seguridade do propio persoal residente e dos pacientes.

Fuga de talentos

Aliás, cómpre lembrar que, de 78 residentes das sete áreas sanitarias que remataron o MIR, só 29 elixiron no último período ficar no centro de saúde, algo que a ollos dos colectivos de médicos e na defensa da sanidade pública evidencia a "fuga" por mor das "malas condicións" que se dan na Atención Primaria.