A Xunta insiste en ‘blindar’ o sector eólico na Galiza

Adrián Vázquez e Ángeles Vázquez (no centro), mantiveron unha xuntanza recentemente. (Foto: Xunta da Galiza)

A Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, considera que o eólico é un “sector chave na protección do medio ambiente”.

Esta mesma sexta feira, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) comunicou á Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a suspensión cautelar da autorización emitida polo Executivo galego o pasado ano ao polígono eólico Xesteirón, proxectado por Greenalia Wind Power en Chandrexa de Queixa e Montederramo, nas comarcas de Terra de Trives e Terra de Caldelas, respectivamente, ao carón do Macizo Central. 

Con Xesteirón, son xa máis de 40 os polígonos eólicos que a Xustiza paralizou este ano polos “danos irreversíbeis” que poderían ocasionar ao medio ambiente, desautorizando a política eólica despregada pola Xunta da Galiza.

No marco desta vaga de suspensións cautelares aos proxectos eólicos autorizados previamente polo Executivo de Alfonso Rueda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o vicepresidente segundo do Comité de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo, Adrián Vázquez, mantiveron unha reunión recentemente na que coincidiron na necesidade de dotar de seguridade xurídica ao sector eólico na Galiza.

Durante o encontro, tal e como trasladou a Xunta da Galiza nunha nota de prensa, a conselleira lembrou que o Executivo galego "sempre aplicou de maneira estrita" a lei estatal básica de avaliación ambiental durante a tramitación dos seus parques eólicos. De feito, engadiu, o Tribunal Supremo "avaliou a actuación do Goberno galego de tramitar de forma simultánea os procedementos de consulta e información pública ao anular as sentenzas do TSXG nas que argumentaba que primeiro se terían que solicitar os informes sectoriais, e, a continuación, trasladarllos á cidadanía".

Así, ante a decisión do TSXG de presentar ante o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TXUE) unha cuestión "prexudicial para clarificar esta cuestión xurídica", o Goberno galego insiste na necesidade de que este procedemento se tramite pola vía de urxencia "para axilizar a súa resolución e evitar a paralización que supón para os proxectos eólicos tramitados tanto pola Xunta como pola Administración do Estado".

Nesta liña, Ángeles Vázquez e Adrián Vázquez incidiron en que a normativa europea considera que os proxectos de enerxías renovábeis "son de interese público superior ao asegurar o abastecemento enerxético e coadxuvar á descarbonización", polo que "fai falta unha resolución urxente do tribunal europeo que estabeleza criterios claros de tramitación e outorgue seguridade xurídica a un sector que é clave na protección do medioambiente e no obxectivo de alcanzar a neutralidade climática canto antes".

Ademais, a conselleira informou de que o próximo mes de setembro manterá en Bruxelas unha rolda de contactos con varios representantes comunitarios aos que lles trasladará "o compromiso do Goberno galego de continuar garantindo un modelo eólico ordenado que se desenvolva desde a máxima transparencia e participación e que estea avalado por unha rigorosa tramitación ambiental".