O conselleiro fala de “novo modelo” e pide a colaboración dos profesionais

A Xunta intenta reaccionar agora á crise da Atención Primaria provocada polos recortes

Imaxe da manifestación en defensa da sanidade pública en Vigo o pasado 27 de decembro. Foto: BNG

A crise na Atención Primaria é a última manifestación das consecuencias de dez anos de recortes e reconfiguración neoliberal da sanidade realizados polos gobernos de Núñez Feixoo. Despois da dimisión de 25 dos 31 xefes de servizo da área sanitaria de Vigo e a enorme manifestación do pasado 27 de decembro, a Xunta intenta agora reaccionar.
 

O responsábel de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, publicaba este sábado un artigo no xornal La Voz de Galicia en que se refería a un suposto “novo modelo de Atención Primaria” en que afirmaba que este é “o servizo máis apreciado pola cidadanía”. O conselleiro procura entullar a enorme vía que se lle abriu ao Goberno de Feixoo coas protestas sanitarias das últimas semanas.

 

O texto expuña que esta versión do Sergas será “para outros 25 anos” e, despois de anos de non escoitar o gran malestar causado entre pacientes e profesionais polas políticas de redución da sanidade pública, chamaba pola “colaboración de cidadáns, profesionais, sindicatos, partidos e, moi especialmente, das asociacións de pacientes”.

 

Almuíña comprométese a que “as primeiras conclusións” dos grupos “de mellora” sexan públicas o vindeiro febreiro.

 

Que a sanidade pública atravesa desde hai anos unha etapa de convulsión derivada das políticas neoliberais aplicadas polo PP demóstrao o nerviosismo do propio presidente da Xunta ao respecto. “Facemos o que podemos”, chegou a dicir despois das dimisións dos xefes de servizo de Vigo.

 

Entrementres, dúas comisións de investigación sobre o funcionamento do sistema sanitario público desenvólvense no Parlamento de Galiza: a oficial, impulsada pola oposición e da que despois se descolgou ante as imposicións de comparecentes por parte da dereita; e a alternativa, coa que En Marea, PSdeG e BNG decidiron arreporse ao cadeado do PP. Por esta última pasaron os familiares do home morto no PAC da Estrada o pasado agosto ao non ser atendido a tempo. Foran vetados na oficial.