A Xunta intervén a residencia de El Pinar con 21 usuarios e 7 empregados contaxiados

Redidencia El Pinar, en Culleredo, intervida nas últimas hora pola xunta ante a propagación da Covid (Google Maps)

Tres novas mortes, dúas ligadas ao surto da DomusVi de Lugo, elevan a 715 as vítimas mortais en Galiza, que nas últimas 24 horas rexistrou un total de 223 novos casos da Covid-19. Ademais, hai 237 persoas hospitalizadas, 29 destas na UCI.

A Xunta decidiu intervir a residencia de anciáns de El Pinar, en Culleredo (A Coruña), tras se detectar nas últimas horas un total de 28 contaxios de coronavirus, correspondentes a 21 usuarios ─do total de 25 alí residindo─ e 7 traballadores.

A través dun comunicado, as consellarías de Sanidade e de Política Social informaron este domingo, 20 de setembro, desta decisión que busca "garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde" tanto dos residentes como dos empregados.

Ademais, profesionais do Sergas xa se desprazaron até este xeriátrico co fin de realizar un seguimento médico "constante" dos usuarios, para "supervisar a correcta aplicación dos protocolos" aprobados pola Xunta e para "velar pola continuidade dunha atención sociosanitaria axeitada".

A residencia do é a terceira que o Goberno galego interviu desde a entrada do país na "nova normalidade". Ademais de nesta, a Xunta tamén tivo que actuar na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, que este domingo contabiliza 134 usuarios e 24 traballadores contaxiados; e na do Incio, que mantén 58 internos e 35 empregados infectados.

Reconto de mortes

Ademais, tres mortes rexistradas nas últimas horas, das que dúas están ligadas ao surto da residencia DomusVi de Lugo, elevan a 715 as vítimas mortais en Galiza diagnosticadas coa Covid desde o inicio da pandemia.

En concreto, as autoridades sanitarias galegas informaron este domingo de que perderan a vida un varón de 96 anos e unha muller de 85 que estaban ingresados con coronavirus no HULA e que contaban con patoloxías previas. A muller proviña da residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei.

Ademais, nas últimas horas produciuse no interior de este mesmo xeriátrico o falecemento dunha persoa diagnosticada de Covid. Trátase dunha muller de 88 anos, segundo fontes da Consellaría de Política Social.

Novos positivos

A respecto do número de novos positivos por coronavirus, Galiza detectou nas últimas 24 horas un total de 223 novos, un descenso nos contaxios con respecto aos últimos días e, máis concretamente, unha importante baixada en relación ao sábado, cando se notificaron 281. Con todo, o número de casos activos subiu este domingo en cinco das sete áreas sanitarias en que se divide o país.

Segundo o parte diario facilitado pola Consellaría de Sanidade ao medios ─mais que continúa sen actualizar desde hai días na web para a cidadanía─, as persoas curadas subiron até as 16.758, o que implica que se deu de alta outros 233 pacientes da Covid-19, segundo os últimos datos da última hora do sábado. Deste modo, os casos activos reportados este domingo descendeu en 15, polo que o total se sitúa en 4.350.

En concreto, os datos de Sanidade indican que cinco das sete áreas sanitarias nacionais rexistran unha suba no número de casos activos. A que máis medra é a de Ourense, con 527 persoas contaxiadas ─18 máis que este sábado─. Tamén ascenden os casos activos en Pontevedra-O Salnés, ata 658 (7); Vigo, até 440 (9); Santiago, a 637 (11); e Ferrol, até 184 (13).

No lado oposto, a área da Coruña e Cee, que continúa acumulando o maior número de casos, baixa este domingo en 45 as persoas coa Covid activa, até 1.178. Así mesmo, caen en 18 na área sanitaria de Lugo, até 726.

Hospitalizacións

Por último, segundo os últimos datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, os pacientes coa Covid ingresados en hospitais da Galiza ascenderon en cinco nas últimas 24 horas, até o total de 237. A pesar desta subida, este domingo mantense en 29 o número de persoas en unidades de coidados intensivos (UCI).