Ferramenta de apoio para o alumnado con dificultades educativas e familiares

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participa cos membros da nova Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar.
A rede disporá de 32 novos docentes -un por cada centro coordinador- para "atender as necesidades de reforzo do alumnado, tendo en conta a singularidade do alumnado do rural".

Os centros educativos galegos contan, desde este curso, cunha nova ferramenta de apoio para o seguimento do alumnado con maiores dificultades, tanto desde o punto de vista educativo como familiar, a Rede de Orientación Persoal e Familia da Galiza.

A rede, segundo informou a Consellería de Educación nun comunicado, constituíuse esta semana nunha reunión que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na que tamén participaron coordinadores e equipos directivos dos 32 centros públicos de Infantil, Primaria e Secundaria, que exercerán de dinamizadores nas súas respectivas áreas.

A Xunta destina un orzamento de máis de sete millóns de euros a esta iniciativa

A rede disporá de 32 novos docentes --un por cada centro coordinador-- para "atender as necesidades de reforzo do alumnado, tendo en conta a singularidade do alumnado do rural".

Cada un destes docentes será responsábel dunha Unidade de Acompañamento e Orientación persoal e familiar. A esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan Recupera "para blindar a calidade do sistema educativo e evitar que ninguén quede atrás", a Xunta destina un orzamento de máis de sete millóns de euros.

Os docentes designados en cada centro serán os encargados do desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado que o necesite. A súa función será a de complementar a actuación ordinaria dos centros da área, sobre todo atendendo ás situacións máis delicadas. Ademais, realizaranse labores de acompañamento ás familias, ofrecéndolles recursos "para unha maior implicación nos procesos educativos dos seus fillos".

Esta Rede de Orientación Persoal e Familiar da Galiza servirá tamén de apoio e reforzo ao traballo dos máis de 4.000 profesionais dedicados á orientación e o reforzo educativo que "diariamente traballan de forma ordinaria nos centros educativos galegos".