A Xunta mantén o fechamento perimetral en Cambados, Laza e Padrón

Usuarias con máscaras nunha praia da Laracha, que fica no nivel alto de limitacións. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade vén de comunicar esta medida após decorrer un novo encontro co comité clínico que asesora ao Goberno galego sobre a evolución da pandemia no país. Seis municipios fican nun nivel elevado de restricións, mentres que outros 30 estarán en risco medio-alto. Hoxe tamén se aprobou o uso da vacina de Janssen para as persoas de entre 50 e 59 anos.

A Xunta e o comité clínico de expertas e expertos que asesora sobre a situación epidemiolóxica da Galiza decidiron manter as máximas restricións en Cambados, Laza e Padrón, o que implica o fechamento perimetral destes tres concellos así como o paro na hostalaría entre outras medidas.

Respecto da semana pasada, na sexta feira deixarán este chanzo de prohibicións tanto Cualedro (que levaba varias semanas na mesma situación) como Vilanova de Arousa.

A Consellaría de Sanidade comunicou tamén que haberá outros seis municipios no nivel alto de limitacións, se ben isto supón unha rebaixa respecto ao último encontro de traballo. En concreto, estarán neste grupo A Laracha, Oleiros, Cangas, Lobios, Ribeira e Vilanova de Arousa.

Na práctica isto implica varias cuestións, pero que ten maior repercusión para o empresariado é que a hostalaría só terá abertas as terrazas. Así mesmo, as reunións serán dun máximo de catro persoas en interiores e seis en exteriores.

Coas medidas do nivel medio quedarán 29 localidades a partir do día 14. En concreto, son Ames, Barbadás, Betanzos, Bueu, Carballeda de Valdeorras, Carral, Cerdedo-Cotobade, Chantada, Cualedro, Cuntis, Fisterra, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Melide, Moaña, Moraña, Noia, Ordes, A Pastoriza, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Santiso, Silleda, Soutomaior, Toén, Tomiño e Valga.

Neste caso, os locais hostaleiros poderán ter un 30% da súa capacidade ocupada. Nas terrazas o máximo será do 50%. No entanto, os números das reunións serán idénticos aos do nivel superior.

O resto do país terá as limitacións propias do nivel de risco medio-baixo, se ben non se descarta unha cuarta onda nos próximos días ou semanas.

Outras novidades

Estas novas medidas por concellos saen na mesma xornada na que o PPdeG votou en contra de que se coñeza exactamente o número de vítimas da pandemia por cada residencia.

Ademais, o Sergas explicou que, segundo un estudo, a vacinación permitiu unha redución do 100% de ingresos nas Unidades de Coidados Intensivos e de falecementos nesas persoas xa tratadas.

Tamén no ámbito da inoculación dos tratamentos contra a Covid-19, a Comisión Interterritorial de Saúde Pública decidiu esta tarde que as persoas de entre 50 e 59 anos recibirán o fármaco creado por Janssen.