A Xunta nega que a lei de saúde obrigue a vacinarse pero o Estado manterá o recurso por inconstitucional

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa após o comité clínico. (Foto: Conchi Paz)

Desde o punto de vista do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o Tribunal Constitucional “non valorou o fondo da lei” antes de suspender a aplicación do artigo da polémica. A Xunta quere chegar a un “acordo” e o Goberno español ábrese a esa posibilidade pero sen renunciar ao trámite que xa fixo.

Após coñecerse a decisión do Tribunal Constitucional sobre a lei de saúde galega -que o PP aprobou en solitario no Parlamento galego en medio da polémica- para deixar paralizado o artigo que recollía a vacinación obrigatoria contra a Covid-19, esta cuarta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que non había esa suposta imposición de inocularse algún dos remedios.

Desde o seu punto de vista, o escrito “remite a esta posibilidade se así se exixe por parte do Estado ou a Unión Europea”. En calquera caso, interrogado sobre o asunto na comparecencia posterior á reunión do comité clínico de onte á tarde, o representante asegurou que a Xunta podería “discutir” co Goberno do Estado os condicionantes desta norma.

Así o dixo a pesar de que o Constitucional xa admitiu tramitar o recurso da equipa de Pedro Sánchez, deixando en suspenso o artigo.

Para García Comesaña é importante subliñar que o tribunal aínda “non valorou o fondo da normativa galega”. Só aceptou o trámite, que levaba aparellada a suspensión da aplicación do artigo que foi considerado “inconstitucional”. Por iso pide ter en conta os “matices” do documento e falar para que se poida chegar a estas marxes de explicación".

Diferencia de pareceres

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro do Executivo galego, Alfonso Rueda, tamén apostou nesa conversa pendente entre ambas partes para que a solución sexa extraxudicial. “Non é normal nin ten moita explicación que o Estado non quixese falar coa Xunta antes de expor o recurso”, remarcou.

“O normal fose convocarnos para falar da lei de saúde, tentar falar e explicarlle as razóns, e se cadra o recurso non se presentou”, insistiu, asegurando que o Goberno galego quere falar. Nunha intervención o pasado 17 de marzo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa defendera nestes termos a constitucionalidade do texto.

Ante estas declaracións, o delegado do Executivo do Estado español na Galiza, José Miñones, trasladou o compromiso do ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, de camiñar pola “vía do diálogo” para solucionar os problemas existentes coa normativa que defendeu o PP.

No entanto, xa quedou claro que polo momento en Madrid van debater “sen renunciar” ao proceso que está aberto no Constitucional. “O obxectivo non é outro que atopar unha solución aos preceptos que vulneran dereitos fundamentais e entran en competencias do Estado”, resumiu. Mentres, o organismo xudicial ratificou hoxe a admisión do trámite realizado contra a reforma da lei galega de saúde.