A Xunta non ve "ambientalmente viábel" o proxecto de parque eólico Varilongo, situado entre Santa Comba e Coristanco

Polígono eólico en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)

O Goberno galego dá o visto e prace ambiental á liña de alta tensión desde o parque de Monteagudo até Morás.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta sgeunda feira a declaración de impacto ambiental desfavorábel do proxecto de parque eólico Varilongo, situado entre os concellos de Santa Comba e Coristanco, nas comarcas de Xallas e Bergantiños

A iniciativa, promovida por Ecovital Renovables, non alcanzou o visto e prace ambiental da Xunta da Galiza, ao considerarse que a actuación proxectada non é "ambientalmente viábel".

Todo iso polos impactos sinérxicos "acusados" que tería sobre o patrimonio natural e a biodiversidade, segundo resolve a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Cllimático.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellaría si declarou ambientalmente viábel o proxecto da liña de alta tensión a 66 quilowatts desde a subestación do parque eólico Monteagudo até a subestación de Morás, nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha, nas comarcas da Coruña e Bergantiños

Esta iniciativa, promovida por Eólicos Breogán, conta co visto e prace ambiental, despois de o DOG publicase a súa declaración de impacto ambiental.

A pesar de todo, a Xunta estabelece unha serie de requisitos para que poida ser favorábel, entre os que se atopan aspectos como cubrir cunha lona os camións que transporten terra para non xerar po, a xestión dos residuos xerados conforme á lexislación ou a redución ao "estritamente necesario" da eliminación de vexetación, entre outros moitos aspectos.

Ademais, o DOG tamén publicou o arquivo do expediente do parque eólico Torroña I, cancelando a garantía económica depositada por Desenvolvementos Renovables do Norte para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede.

Así, denégase a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilizada pública e a aprobación do proxecto sectorial desta iniciativa, que se situaría entre os concellos de Baiona, Oia e Tomiño (comarcas de Vigo e Baixo Miño)tras a súa declaración de impacto ambiental desfavorable.