Sanidade pública

Persoal do HULA alerta do "colapso" por falta de camas: "Os pacientes pasan noites enteiras en Urxencias"

Acceso principal do HULA, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Os traballadores e traballadoras do hospital lugués advirten que non hai camas de hospitalización libres e responsabilizan a Xerencia desta "saturación".

A xunta de persoal do Hospital Lucus Augusti (HULA) de Lugo denunciou esta quinta feira, a través dun comunicado, a situación de "colapso" que atravesa o servizo de Urxencias deste centro sanitario. Os traballadores e traballadoras do hospital da cidade amurallada advirten que non hai camas de hospitalización libres, polo que os pacientes "pasan noites enteiras en Urxencias ou en observación de Urxencias", á espera.

Precisan tamén que habitacións de observación de Urxencias indicadas para un paciente "son usadas continuamente" para dúas persoas, a pesar de non contaren co equipamento necesario e só dispor dun timbre ou unha toma de oxíxeno, por exemplo.

Neste senso, alertan de que o servizo se atopa nestes momentos "saturado" por estas circunstancias, dado que as persoas doentes que deberían ser atendidas en hospitalización son exploradas nas propias Urxencias polo persoal sanitario.

O persoal apunta á dirección do HULA como responsábel da situación, "ao non ter camas operativas mentres permanecen fechadas as plantas de cirurxía e outra de Medicina Interna", o que suma un total de 68 camas.

Por tanto, solicitan á Xerencia que estas camas "volvan estar operativas" á maior brevidade para "dar un servizo e unha atención de calidade" aos pacientes do hospital.