A Xunta pode propor un marco de desescalada acaído para Galiza

Dúas persoas saúdanse nas rúas de Compostela gardando a distancia física (Imaxe: Arxina)
A unidade territorial ordinaria para artellar as catro fases da desescalada será "en principio" a provincia, informou onte o presidente do Goberno estatal Pedro Sánchez. Porén, o mandatario avanzou "que haberá excepcións", a proposta das comunidades autónomas e coa aprobación do Ministerio de Sanidade. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, postulouse ao inicio da semana a prol de desescalar por áreas sanitarias e desde o nacionalismo pediuse tomar a comarca como referencia, atendendo á realidade do país. 
 

Catro fases atravesará Galiza durante as próximas seis ou oito semanas até situarse na denominada "nova normalidade", é dicir, no momento en que se produza unha "apertura total da actividade económica" mantendo, iso si, a distancia física, medidas de protección e hixiénicas. Esa "nova normalidade" durará até que se conte cun remedio terapéutico ou coa vacina da COVID-19, dixo onte o presidente do Goberno estatal Pedro Sánchez. 

Cada unha das fases terá unha duración mínima de dúas semanas, xa que é o período medio de incubación da enfermidade. Así que, "no mellor dos casos", dixo Sánchez, o Estado chegaría á "nova normalidade" a finais de xuño.

Agora estariamos na fase cero, dentro da cal xa se permitiron os paseos das crianzas e a previsión é que o día 2 de maio poidan saír a pasear as persoas adultas. Será a partir do día 4 cando se permita a apertura de locais con actividades individuais e cita previa, así como o adestramento individual de deportistas profesionais e federadas. Nesta fase vaise aproveitar para a sinalización de todos os locais e negocios e a preparación dos lugares abertos ao público para pasar á fase 1. 

Será o 11 de maio, se "todo sae segundo o previsto", dixo Sánchez, cando o Ministerio de Sanidade autorice a cada provincia pasar á fase 1 ou inicial. Nela, e baixo medidas de seguridade, poderán abrir o pequeno comercio, as terrazas de bares e restaurantes, sen superaren 30% da súa capacidade; hoteis e aloxamentos rurais, mais sempre cos espazos comúns fechados ao público. Haberá ademais un "horario preferente" para maiores de 65 anos. Retornarán á actividade nesta fase o sector pesqueiro e agroalimentar. Os lugares de culto tamén poderán abrir as portas con restricións de aforo. 

Logo virá a fase 2 ou intermedia. Os locais de restauración poderán dar servizo de mesas, con limitacións de aforo e gardando as distancias. Poderán abrir tamén os centros educativos só para actividades de reforzo, garantir que menores de seis anos poidan acudir a estes espazos se as proxenitoras teñen que saír da casa para traballar e para as probas da selectividade. Voltarán os cinemas e os teatros, con aforo dun terzo e separación entre as persoas. E o mesmo ocorrerá coas visitas a monumentos e salas de conferencias. Os actos culturais poderanse realizar con menos de 50 persoas e con até 400 ao ar libre, sempre  que estean separadas e sentadas. 

Na fase 3 suavizaranse as restricións e haberá menos límites de aforo na restauración e poderase ir ás praias. Si haberá que manter a distancia física de dous metros. En todas as fases recoméndase o uso de máscaras.
Sánchez anunciou que solicitará novos estados de alarma no camiño cara á "nova normalidade". 

Chegada de visitantes a segundas residencias

A liberdade de movemento será dentro da propia provincia e desde a fase 1. Non se permitirá pasar dunha provincia a outra até chegar á "nova normalidade", salvo por razóns de traballo ou outros motivos como o falecemento dunha familiar achegada. 

Varios concellos da Galiza teñen núcleos importantes de segundas residencias e ao comezo da pandemia e mesmo na Semana Santa alertaron da chegada de visitantes de Madrid e outras localidades. Sobre isto, a desescalada contempla que até que ambas as provincias (a de orixe e a de destino) estean na "nova normalidade" non se poderá ir dunha a outra. Si pode haber movementos na mesma provincia para ir a segundas residencias desde a fase 1.

Visitas a familiares

En canto á visita de familiares  na mesma provincia, o presidente Pedro Sánchez evitou pór unha data concreta, mais si dixo que non será posíbel facelo durante as primeiras fases, o cal choca ao si se permitir actividades como ir a unha terraza "tomar o vermú", tal e como aseverou o presidente. 

Evolución por provincias e mando único

O plan de desescalada aprobado onte polo Consello de Ministras non pon datas concretas á apertura de bares, hoteis, ou praias, xa que o vincula ao avance de cada provincia a unha fase superior. Que unha provincia pase de fase, se manteña ou retroceda a unha fase anterior será unha decisión do Ministerio de Sanidade. 

"O mellor son as provincias", dixo Sánchez en referencia ao marco territorial para organizar a desescalada. Con todo, avanzou que "deixaremos ás Comunidades Autónomas que envíen propostas e, de estaren suficientemente motivadas e de ser posíbel facelo", o seguimento en unidades territoriais mais pequenas "será posíbel", anunciou o mandatario.

A Xunta pode propor outras unidades territoriais 

Está pois en mans da Xunta propor unha desescalada que sexa coherente coa distribución poboacional galega. Nese sentido o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, xa adiantou na segunda feira que sería un mellor modelo para Galiza desescalar por áreas sanitarias. Outra proposta é a defendida polo Bloque Nacionalista Galego. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, exixiu a Feixoo que demande unha desescalada por comarcas, atendendo así a como é a Galiza. "A escala de referencia debe ser comarcal e distinguir a realidade rural da urbana”, propuxo Pontón.

Sobre as saídas que se permitirán o 2 de maio, o Ministerio de Sanidade xa está a estudar ordenalas por franxas horarias, en bases ás peticións realizadas por Gobernos como o galego ou o catalán e nos próximos días comunicarase a decisión do Ministerio ao respecto, dixo Sánchez.

A proposta trasladada pola Xunta aposta por reservar a práctica do deporte para as idades comprendidas entre os 14 e os 70 anos á primeira e última hora de cada día. Os tempos comprendidos entre as 10 e as 12 horas e de 17 a 19 horas quedarían reservadas para que as persoas maiores de 70 anos saian á rúa a pasear. O resto da xornada permitiríase que as crianzas saísen acompañadas dunha adulta.  

Acusan a Xunta de ocultar datos da pandemia

O informe diario sobre a evolución do coronavirus no Estado que publica o Ministerio de Sanidade advirte unha eiva de datos nos apartados que corresponden á Galiza. O documento emitido onte mesmo polo Ministerio sinala Galiza como a excepción entre todas as Comunidades Autónomas na comunicación de datos e faino até en dúas ocasións. A primeira é ao presentar o total de casos da COVID-19 confirmados por probas PCR por territorios e no conxunto do Estado. O informe sinala que a Xunta non achega diferenciados os casos que foron confirmados por PCR e os contaxios detectados por tests de anticorpos, polo que o Estado decidiu contabilizar ambos os dous como se fosen todos de PCR. 

Galiza volve ser excepción no informe do Estado cando se analiza a evolución das Unidades de Coidados Intensivos (UCI). A Xunta comunica o número total actual de pacientes que se atopan na UCI cada día, mais non informa das saídas e entradas diarias nelas. Así, o informe do Ministerio de onte sinalaba que o total de persoas ingresadas en UCI desde o inicio da pandemia (10.364 no Estado) inclúe todos os territorios salvo o galego. No apartado de novos ingresos en UCI, que vén desglosado por comunidades, a Galiza é a única que ten o cadro sen cubrir. 

O Sergas ademais informa dos casos activos en cada unha das sete áreas sanitarias galegas e non por comarcas ou concellos. Porén, Madrid, Euskadi e Catalunya si actualizan con frecuencia os seus datos por localidades en formato aberto e con mapas. Outras, como Murcia ou Canarias, emiten ese informe en pdf.

A este respecto, o portavoz de Galicia en Común Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, denunciou onte en rolda de prensa que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, “está a ocultar datos” sobre a incidencia da epidemia “que son fundamentais para que as e os expertos coñezan con exactitude a gravidade da situación e para que poidan enfrontar eficazmente a emerxencia sanitaria”.
“Núñez Feixóo quéixase de que o Goberno estatal non mantén informadas as Comunidades Autçonomas, pero é mentira", dixo Gómez-Reino, que reclamou ao presidente galego "transparencia, cooperación e lealdade” co Executivo español.