A Xunta recomenda a colectivos de risco non realizar actividades ao aire libre en Vigo, nas Rías Baixas e na Costa da Morte

Ángeles Vázquez. (Foto: Nós Diario)
Aínda que a prealerta só está activada para Vigo, Vázquez aconsellou á poboación de risco destas zonas (persoas maiores, enfermos ou crianzas), que non realicen exercicio físico continuado no exterior e que fechen as xanelas das súas casas para evitar que entren partículas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, recomendou a colectivos de risco que non realicen actividades continuadas no exterior debido á mala calidade do aire en zonas como Vigo, as Rías Baixas en xeral e na Costa da Morte.

En declaracións aos medios de comunicación, Vázquez recoñeceu que a calidade do aire que se respira empeorou nas últimas horas (a pesar de que esta quinta feira tarde mellorou en relación á mañá) en Vigo e a súa área de influencia, nas Rías Baixas en xeral e na Costa da Morte debido ao fume que chega desde os incendios do norte de Portugal.

Aínda que a prealerta só está activada para Vigo, Vázquez aconsellou á poboación de risco destas zonas (persoas maiores, enfermos ou crianzas), que non realicen exercicio físico continuado no exterior e que fechen as xanelas das súas casas para evitar que entren partículas.

Segundo dixo, este cuarta feira o fume era visíbel en altura, mais non afectaba o aire que respira a cidadanía. Con todo, isto cambiou esta quinta feira, empeorando a súa calidade. Vázquez destacou que unha vez máis se constata que o problema do clima é "global" e sucesos que ocorren noutros Estados poden afectar o resto do mundo.

"Ter o control a través das estacións situadas nos distintos lugares de Galiza dános a oportunidade de previr e é do que se trata. Facer a prevención para que despois non teñamos problemas. Estamos nesa fase de prealerta, polo que queremos trasladar a mensaxe á cidadanía, ademais do apoio aos nosos veciños portugueses", sentenciou. Vázquez espera que esta sexta feira, coa chegada de tormentas a Galiza, mellore a calidade do aire.