BNG demanda apoio público a Covid Bens

A Xunta renuncia a controlar o virus mediante as augas residuais

Montse Prado nunha intervención no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

A directora xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza, Carmen Durán evitou apoiar a posta en marcha dunha “unha rede en toda Galiza para detectar e alertar da presenza do virus nas augas residuais” na liña da fornecida polo programa Covid Bens.

 

A posición de Durán fíxose pública durante unha xuntanza da comisión de Sanidade, Política Social e Emprego no Parlamento da Galiza, tras facerse eco a deputada nacionalista Montse Prado “que este proxecto Covid Bens tiña a data de remate a finais de novembro por falta de financiamento e que tan só se retomara temporalmente por petición dos concellos ao director da depuradora diante do crecemento dos contaxios”.

A deputada do BNG sinalou que “a información facilitada permite detectar con antelación a presenza de patóxenos, e polo tanto anticiparse, porque determina a carga viral aínda que as persoas sexan asintomáticas”.

“Un sistema de vixilancia con resultados satisfactorios”

“Un sistema de vixilancia con resultados satisfactorios. Un modelo matemático que permite calcular cunha marxe de erro mínimo o número de contaxios nunha zona determinada, permitindo acoutar incluso a situación xa non só dun barrio, senón dun edificio e ofrece unha imaxe real do número de persoas positivas por 100.000 habitantes, actualizándose en tempo real”, aseverou Prado.

A voceira nacionalista en materia de sanitaria cualificou o proxecto como “útil” e “con grande fiabilidade” para coñecer a “verdadeira magnitude da epidemia, nun lugar e momento dado”.

Prado lembrou “que foi capaz de detectar a variante ómicron con 18 días de antelación”, reclamou que “non sexa pechado pola Xunta nunha gabeta e se estenda ao resto de Galiza” e defendeu a necesidade “de ter información para tomar as decisións máis acaídas e contar con  ferramentas para saber como está circulando o virus, ou proxeccións de como pode facelo para anticiparse, para cambiar a tendencia e non ir detrás do virus senón diante”.

O problema do xogo

O deputado socialista Julio Torrado interesouse durante a comisión de Sanidade polas políticas da Xunta da Galiza en relación co xogo e demandou un cambio de rumbo nas actuacións levadas adiante polo Executivo galego.

Neste sentido, criticou que “segue a permitirse a barra libre normativa e compártense actos, premios e encomios recíprocos e públicos entre Goberno e sector empresarial acerca dun problema de saúde pública que está a danar gravemente a moitas persoas e familias”.

“Paralelamente os orzamentos autonómicos 2021 incorporaron medidas de bonificación e axuda a locais do sector do xogo e apostas” rematou Torrado.