A Xunta teima en que se rebaixe o nivel de protección do lobo para "adaptalo á realidade"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participa na clausura da reunión de traballo e coordinación das comunidades autónomas da Galiza, Cantabria, Castela e León e Asturias sobre o lobo. (Foto: Xunta da Galiza)

Reunión en Compostela de representantes do Goberno galego, asturiano, cántabro e de Castela e León para pedir “flexibilidade” na protección desta especie.

Os gobernos da Galiza, Asturias, Cantabria e Castela e León reiteraron a súa petición de revisar o nivel de protección do lobo e "adaptalo á realidade actual" en cada territorio para "garantir o equilibrio" entre a conservación desta especie e a actividade gandeira.

Esa foi unha das cuestións abordadas esta cuarta feira nunha reunión técnica que decorreu en Compostela entre representantes das comunidades autónomas citadas e que foi clausurada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

A responsábel autonómica afirmou que a Comisión Europea "xa expuxo" a necesidade de "flexibilizar ou mesmo rebaixar" o nivel de protección.

Así, Ángeles Vázquez remarcou que, segundo o censo desta especie elaborado pola Xunta en 2022, a poboación de lobo ibérico "mantense estábel" na Galiza, con 93 mandas rexistradas (tres máis das que había en 2013), cunha presenza xeral en 91% do territorio.

Ante estes datos que, apuntou, indican que o estado de conservación da especie "non é desfavorábel", e que a Galiza espera que o Goberno estatal "rectifique" a súa decisión de incluílo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Durante a reunión desta mañá, os representantes autonómicos puxeron en común o estado actual da especie en cada un dos seus territorios para avanzar na elaboración do próximo informe co obxectivo de que o Goberno traslade á Comisión Europea os datos reais sobre a poboación do lobo ao norte do Douro.

En Asturias supéranse as 45 mandas e en Cantabria son 20. No caso de Castela e León, está previsto que conclúa a elaboración do censo nos próximos meses.