“Xuntas, respectadas e libres”: Combarro saíu á rúa contra a agresión machista no Armadiña

armadiña machismo

A organización do festival, convocadora do acto, declara “persoas non gratas” os “agresores machistas”.

Ducias de veciños concentráronse na tardiña desta segunda feira, 27 de agosto, na Praza da Chousa de Combarro para rexeitar o intento de agresión sexual sufrido por unha rapaza no Armadiña Rock. Unha faixa co lema “Xuntas, respectadas e libres” presidiu a mobilización, convocada pola ACD Armadiña, organizadora do Festival.

 

No manifesto lido ao remate da concentración sinalábase: "Aa culpa non é nosa, pero recae sobre nós. Todas temos dereito a ir soas pola noite, vestirnos coma nos pete ou mesmo espirnos, consumir alcohol sen que ningunha persoa se escuse niso para xustificar unha agresión. Non é non!".

 

Un veciño de Marín de 38 anos de idade foi detido por un intento de agresión sexual sucedido en Poio no marco do festival Armadiña. Ficou en liberdade mais está imputado na causa. Os feitos, segundo informan desde a Garda Civil, tiveron lugar sobre as 2:30 horas da noite do sábado ao domingo na zona de acampada do Armadiña Rock, festival que nestes días decorreu en Combarro. Unha rapaza de 20 anos dirixiuse a unha zona afastada para ouriñar cando foi abordada por un home, do que conseguiu zafarse após forcexear con el para pedir axuda. O home foi detido pouco despois. 

 

Desde a asociación Armadiña emitiron un comunicado no que se rexeita calquera acto de acoso e agresión para coas mulleres e manifestan o seu apoio á vítima do sucedido na zona de acampada.