A terceira versión do buque de Greenpeace está atracado en Vilagarcía

"Xurelo": o "Rainbow Warrior" galego 38 anos antes

Rivas e Miranda, rememorando a travesía do "Xurelo"
A visita do "Rainbow Warrior III" ao porto de Vilagarcía permítenos recuperar a historia do "Xurelo", o palangreiro que en 1981 se revolveu contra o depósito de residuos radioactivos da Foxa Atlántica.

O amarre do "Rainbow Warrior III" de Greenpeace no porto de Vilagaría, após os atrancos sufridos nos últimos días -ente eles, a negativa da Autoridade Portuaria de Vigo a permitir o atraque nas súas instalacións-, volve poñer de actualidade a peripecia dun barco galego que en 1981 liderou a protesta contra o depósito de residuos radioactivos na Foxa Atlántica, a 300 millas da costa galega.

A finais dos anos 70 e comezos dos 80 sucedéronse as denuncias a respecto das prácticas que diversos Estados europeos (Bélxica, Países Baixos e Alemaña) estaban desenvolvendo na Foxa Atlántica, un espazo de gran produndidade situado a unhas 300 millas da costa galega que se estaba a utilizar para depositar residuos radioactivos procedentes das súas centrais nucleares. Segundo denunciara a organización ecoloxista Greenpeace, estes residuos estaban guindándose ao mar en bidóns de 200 litros de capacidade. 

Greenpeace pretendeu entón desenvolver unha acción de protesta co seu buque "Sirius". Para iso, púxose en contacto con colectivos galegos, que, coordinados por Esquerda Galega, decidiron organizar pola súa conta unha expedición ao vertedoiro nuclear. Así, o 15 de de setembro de 1981, o palangreiro con base en Ribeira "Xurelo" zarpou cara ao seu destino, fóra xa das augas xurisdiccionais españolas, con 14 persoas a bordo ao mando do seu patrón, Ánxel Vila. Os concelleiros Francisco García (Vigo), Gonzalo Vázquez (A Coruña), Manuel Méndez (Moaña); os xornalistas Manolo Rivas e Xesús Naya; os fotógrafos Xurxo Lobato e Xosé Castro; o membro da Sociedade Galega de Historia Natural Enrique Álvarez e do Colectivo Natureza, Roxelio Pérez, ademais de Amador, Juan e Ciprián, mariñeiro, cociñeiro e operario de máquinas do "Xurelo", respectivamente, formaron parte da expedición. Na Foxa deberían atoparse co "Sirius", que por mor dunha avaría non puido finalmente saír do porto de Plymouth. Dous días despois, o palangreiro presenciou como dous buques holandeses, escoltados por unha fragata da Armada dese país, botaban ao mar os bidóns radioactivos. 

Segunda acción

En outubro de 1982, cando xa se estaba a negociar a prohibición dos verquidos, o "Xurelo" regresou á Foxa Atlántica acompañado de dous barcos pesqueiros máis, fletados polos concellos de Vigo e A Coruña, o "Pleamar" e o "Arosa I", ademais de polo "Sirius". Os buques contaminantes eran catro, tres neerlandeses e un británico, o "Gem", que finalmente non puido desfacerse da carga radioactiva. 

Calcúlase que na Foxa Atlántica están depositadas na actualidade 140.000 toneladas de residuos radioactivos, a 4.000 metros de profundidade.

O "Xurelo" afundiu no peirao de Ribeira en decembro de 2002, pechando así un capítulo crucial na defensa do medio ambiente na Galiza.