Xurxo Longueira, de Estreleira: “O desfile de Ourense reivindica a nosa historia e os nosos símbolos nacionais, mais doutro xeito”

O domingo 26 de xuño Ourense acollerá o ‘I desfile da República Galega’, unha iniciativa na que o colectivo Estreleira leva meses traballando e que está a sumar ducias de apoios e adherentes para un formato novidoso e nada habitual.

Un acto no que a comemoración da proclamación da república galega en xuño de 1933 e da vitoria no referendo do estatuto nese mes de 1936 van da man da reivindicación e difusión de símbolos nacionais históricos.  Na marcha exhibiranse os brasóns comarcais deseñados ex profeso por Héitor Picalho, así como bandeiróns de iniciativas e organizacións nadas ao longo dos dous séculos de galeguismo.

Convocades o 26 en Ourense a un desfile que, sinalades, diferénciase da dinámica habitual dos actos do soberanismo ou nacionalismo. Cal é a finalidade do acto?

É unha iniciativa que, ao igual que a que impulsamos en Lugo o pasado 21 de novembro para rodear a muralla con bandeiras galegas, procura socializar os nosos símbolos nacionais. Unha función que, por outra parte, marca a propia orixe de ‘Estreleira’.

Neste caso, tamén queremos reivindicar e dar a coñecer a I república galega de xuño de 1933 e que mellor que facelo onde se proclamou, en Ourense. E facémolo cun desfile onde queremos recuperar certos trazos e simboloxía popular galega, con estandartes e bandeirolas, ao xeito do que facían as sociedades agrarias no seu momento.

Lugo en novembro e Ourense agora, localizacións que apostan por unha dinámica de descentralizar os actos nacionais. E, por outra parte, facedes especial fincapé na divulgación, na socialización.

Consideramos que mobilizarnos en lugares onde non é habitual este tipo de accións é positivo, diso se trata, de levar as reivindicacións a todos os puntos que sexa posíbel. E iso implica socializar o noso discurso, dar a coñecer un posicioonamento, compartilo.

Como está a ser a receptividade da xente do mundo do nacionalismo, soberanismo a esta iniciativa?

Nós percebemos que hai entusiasmo co proxecto. Viuse en Lugo e esperamos que se repita tamén en Ourense. Á xente á que contactamos para falar da iniciativa, acóllea con ilusión. É unha dinámica novidosa, que racha co formato de manifestación tradicional, e ademais incluíndo elementos para a divulgación. Custa aínda socializar este tipo de actos á xente en xeral, temos que traballar tamén por chegar aí, mais non sempre é doado, non é facil que lles chegue información, etc...

Hai tamén voces que sinalan que nestes momentos de crise e de fortes dificultades económicas, este tipo de mobilizacións non son as prioritarias...

Con este tipo de actos o que queremos tamén é socializar no imaxinario colectivo que existiu unha república galega e que ese é un camiño que nós reivindicamos, e  iso tamén ten relación cos intereses das clases populares. A socialización dos nosos símbolos nacionais históricos vai da man dunhas reivindicacións, dunhas loitas que van na defensa desas clases, non é para nada algo contraditorio.

A idea é un desfile no que as persoas portaran estandartes e bandeirolas con diferentes símbolos nacionais e tamén cos 51 brasóns comarcais deseñados para a ocasión pro Héitor Picalho. Iso implica unha loxística importante..

Levamos tempo traballando na organización deste acto e hai xente implicada mais precisamos ese último pulo, que é no que nos estamos centrando agora. Son precisas 170 persoas para levar estandartes, iso é o que queremos asegurar. É un acto aberto, receptivo, disposto a acoller a todo e toda a que queira sumarse e participar

Nos últimos anos a exhibición da simboloxía española na Galiza avanzou de maneira notábel, xa non se reduce á presencia nas institucións oficiais ou os núcleos máis ultras do españolismo. Ao tempo, parece que ficou relegada a galega. Búscase con estes actos pular por retomar a visibilidade da simboloxía nacional?

Cremos que hai unha infravaloración dos nosos símbolos, e ao tempo é doado constatar que si que existe unha expansión da simboloxía española, unha presenza que antes non había. De feito, ‘Estreleira’, naceu para facer fronte a iso, para expandir e divulgar os nosos símbolos nacionais, sen complexos. E queremos que iso vaia da man de dar a coñecer a nosa historia e tamén reivindicar os nosos dereitos como pobo.

Que é ‘Estreleira’?

Naceu como un proxecto aberto e co único obxectivo de reivindicar e divulgar os nosos símbolos nacionais. Empezamos colando pegatas coa bandeira nacional polo país adiante.

Cremos que un problema no nacionalismo ou soberanismo é que non é quen de enganchar ou mobilizar parte das súas bases, ou faino en menor medida ca antes, e por iso quixemos facer actos diferentes, que entendemos que son máis atractivos e dinámicos, rachar a monotonía, no que os participantes sexan os protagonistas, que se impliquen. Actos que demostren que a reivindicación nacional pode facerse tamén doutro xeito e buscando sempre que as bases sexan as protagonistas.