A Xustiza abre dilixencias penais contra a empresa que xestiona a mina da Penouta

Explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A organización denunciante é Ecoloxistas en Acción.

O xulgado de instrución de Trives abriu dilixencias penais por un delito ambiental contra a empresa que xestiona a mina da Penouta, situada no concello de Viana do Bolo, tras a denuncia de Ecoloxistas en Acción. A organización ecoloxista presentou unha denuncia contra o xacemento propiedade da empresa canadense Strategic Minerals Europe despois de que as análises, realizadas por un laboratorio "acreditado pola administración hidráulica" na contorna da explotación mineira, mostrasen "niveis de concentración de metais pesados que consideran alarmantes".

Desde Ecoloxistas en Acción explican que as análises nun dos arroios situados augas abaixo da mina, dentro da Rede Natura 2000, lanzaron uns valores de cadmio que superaban 112,5 veces o valor máximo permitido polas normas de calidade ambiental, ao tratarse dunha substancia tóxica e canceríxena.

Engaden, ademais, que os valores de arsénico tamén superaban por 30 o nivel legal permitido e, no caso dunha captación de traída de auga analizada, igualmente traspasábase o límite máximo de arsénico en augas de consumo humano.

Din ademais que os niveis de metais pesados "son máis altos dos que a empresa mineira medira hai xa unha década", con anterioridade ao comezo de explotación, de modo que a contaminación, aseguran, "non pode atribuírse á antiga actividade dos anos 80".

Por iso, na denuncia formulada tanto contra a empresa mineira como contra os principais directivos, expoñen que estes serían presuntamente responsábeis dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais na súa modalidade agravada de risco para a saúde das persoas.

Agora, e polo momento, o xulgado de Trives abriu dilixencias e solicitou unha análise da situación das verteduras, mentres que Ecoloxistas en Acción asevera que o uxeron en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o organismo competente na custodia da calidade da auga, pero que esta se negou a facilitarlle os informes cos resultados das súas propias mostras.