A Xustiza arquiva a causa do autobús sinistrado na N-541

O autobús sinistrado en Cerdedo-Cotobade. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Desestiman o recurso de familiares das vítimas

O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra rexeitou o recurso presentado por familiares de vítimas do accidente do autobús que saíu da vía e caeu ao río Lérez en Cerdedo-Cotobade (comarcas de Terra de Montes e Pontevedra), na Noiteboa de 2022, e reafirmouse na súa decisión de arquivar a causa penal contra o condutor do autocar, Carlos Monzón, que estivo investigado por sete homicidios imprudentes. 

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmaron que o xulgado desestimou o recurso, aínda que os familiares presentaron un recurso de apelación, que agora terá que resolver a Audiencia Provincial de Pontevedra. 

O pasado mes de xuño a xuíza de instrución decretou o sobresemento da causa contra o condutor do autobús, ao entender que non hai indicios da comisión dunha imprudencia grave ou menos grave. Fíxoo ao non compartir o recollido nos informes periciais presentados pola Garda Civil, que apuntaban a unha velocidade excesiva como causa do sinistro –malia que non fora posíbel determinar como circulaba exactamente o autobús ao seu paso pola ponte de Pedre, na estrada N-541–, o que se sumaría ás malas condicións meteorolóxicas do 24 de decembro de 2022. 

Así, unha vez analizados os informes e escoitado as dúas únicas persoas superviventes (o condutor e unha viaxeira), a xuíza de instrución decretou o arquivo da causa, recordando que o propio informe da Garda Civil non puido determinar con exactitude a velocidade á que circulaba o vehículo nese tramo, xa que a deterioración do tacógrafo impediu obter ese dato. As conclusións do informe sinalaban que o autobús circulaba a 90 km/h a uns 860 metros do punto do accidente, último rexistro da velocidade antes de que se perdese o sinal do GPS, e que a velocidade media do vehículo era de 66 km/h.

"Se non se sabe a que velocidade circulaba o condutor no momento do sinistro, pero si se sabe que a velocidade media durante o traxecto desde a última parada foi de 66 km/h, non se entende por que se afirma rotundamente que o condutor non adecuara a velocidade do seu vehículo cando as condicións meteorolóxicas e do firme eran moi adversas, cando xa o fixera antes", argumentou a maxistrada para exculpar o chofer do autobús.