A Xustiza da UE avala a prohibición da caza do lobo sen excepcións até que o seu estado de conservación sexa favorábel

Manda de lobos (Foto: Nós Diario).
Segundo a directiva sobre hábitats, os lobos son obxecto de protección rigorosa e, salvo excepcións concretas, está prohibido cazalos.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) avalou esta quinta feira a prohibición da caza do lobo e apuntou que só se poderán conceder excepcións cando o estado de conservación da especie sexa favorábel, o que non ocorre agora en Austria, o Estado obxecto de sentenza.

Esta sentenza do TXUE chega despois de que varias organizacións de protección animal e do medio ambiente impugnasen ante o Tribunal Rexional do Contencioso-Administrativo do Tirol (Austria) a autorización do Goberno do Estado Federado do Tirol para o sacrificio dun lobo que matara uns 20 cordeiros nos pastos.

Segundo a directiva sobre hábitats, os lobos son obxecto de protección rigorosa e, en principio, está prohibido cazalos. Ademais, a Unión Europea (UE) está vinculada polo Convenio de Berna, que protexe estritamente os lobos.

A sentenza sinala que as autoridades estatais poden conceder unha excepción á prohibición da caza do lobo para evitar danos graves, por exemplo, á gandería, mais para iso a poboación de lobos debe atoparse nun estado de conservación favorábel tanto no ámbito local como no estatal, así como no plano transfronteirizo.

Ademais, a excepción non deberá prexudicar o mantemento do estado de conservación favorábel en ningún destes tres ámbitos; os danos graves deben, polo menos en gran medida, ser imputábeis ao exemplar de que se trate e debe xustificarse que non existe ningunha outra solución satisfactoria.