A Xustiza fai efectiva a paralización cautelar do parque eólico Campelo, de Greenalia

Tres proxectos da enerxética galega poderían incorrer nun suposto de "fragmentación artificial". (Foto: Greenalia)
Adega logra recadar os 10.000 euros de depósito que exixía o TSXG para facer efectiva a medida.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou o pasado 19 de setembro a paralización cautelar do parque eólico Campelo, un dos tres proxectos que a enerxética Greenalia está a tramitar nos termos municipais de Carballo, Coristanco, Santa Comba e Tordoia —canda Bustelo e Monte Toural— e que, segundo denunciaron tanto Adega como a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, constituirían un caso de "fragmentación artificial", tal e como fixeron constar nos seus recursos contencioso-administrativos.

Estas tres iniciativas foran declaradas "de interese especial" polo Consello da Xunta, o que implica a tramitación prioritaria e a redución dos prazos administrativos e de avaliación ambiental, e tamén "de utilidade pública", polo que se decreta a "necesidade urxente de ocupación" dos terreos afectados pola vía da expropiación.

O alto tribunal exixira, porén, unha partida de 10.000 euros a modo de caución —por mor dos posíbeis prexuízos nos que incorrería a compañía eléctrica no caso de que finalmente se levantase esa paralización cautelar— para facer efectiva a medida.

Adega logrou xuntar esa cantidade grazas a unha campaña de recadación solidaria titulada 'Ti podes paralos', e que xa alcanzou os 13.492 euros. "Trátase dun fito histórico na Galiza, non só por ter sido conquerido a través da vontade popular e en tempo récord, senón tamén por constituír a primeira paralización cautelar dun proxecto eólico antes de iniciar as súas obras", celebra a asociación ecoloxista.

Isto, apuntan, supón unha "vantaxe" fronte a outros precedentes de paralización cautelar de proxectos, ou mesmo anulación dos mesmos, que xa se atopaban en proceso de construción no momento da resolución xudicial.

Este proxecto, denuncia Adega, tería unha importante afección sobre a lagoa de Alcaián, unha zona húmida proposta hai máis dunha década para a ampliación da Rede Natura 2000, así como a especies naturais en perigo de extinción, como a centaurea ultreiae, "cuxa única poboación mundial se atopa na zona de implantación destes proxectos".

O parque eólico Bustelo seguirá, previsibelmente, os pasos de Campelo, pois a comezos deste mesmo mes o TSXG decretou tamén a paralización cautelar, cuxa caución imposta tamén ascende a 10.000 euros. Para reunilos Adega e a PDCC impulsaron igualmente unha campaña de recadación.