A xustiza levanta o veto ao selo que conmemora o centenario do Partido Comunista de España

selo pce
Avogados Cristiáns pedira a retirada da súa emisión.

A xuíza Carmen Casado, quen a pasada semana ditou un auto polo que suspendía preventivamente a emisión dun selo conmemorativo con motivo do centenario do Partido Comunista de España (fundado en 1921), dá marcha atrás agora e levanta o veto imposto despois de atender as alegacións de Correos para volver a pór en circulación o selo.

A maxistrada tomara a decisión de interromper a súa emisión despois de atender unha petición presentada pola asociación Avogados Cristiáns na que se pedía que se suspendese a emisión do selo que debía saír á venda o 14 de novembro cunha tiraxe de 135.000 exemplares e un valor postal de 0,75 céntimos de euro.

O primeiro auto, no que a xuíza non entrou a valorar os motivos alegados por Avogados Cristiáns, limitábase a considerar pertinente a suspensión solicitada dado que “se entende acreditada a especial urxencia que acredita a adopción da medida cautelarísima”.

Porén, a maxistrada si atende agora os argumentos dados pola Avogacía do Estado español en representación de Correos, que detalla que a creación deste selo foi aprobada pola Comisión Filatélica do Estado en outubro de 2020, após unha solicitude do propio PCE para conmemorar os seus 100 anos de vida. O proceso, segundo precisan os letrados, desenvolveuse conforme ao “legalmente estabelecido”, sen que ninguén presentara ningunha alegación ao respecto.

Críticas dos sectores conservadores

O fallo da xuíza Casado sinala que o cumprimento de todos os pasos requiridos pola legalidade “disolve toda dúbida da existencia da vía de feito aducida pola parte demandante, motivada en razóns de orde política, que non desminte nin se opón aos feitos aquí referidos e probados”.

Ademais da asociación Avogados Cristiáns, organización formada por avogados, procuradores, xuristas, profesores e estudantes de dereito que loitan contra o dereito ao aborto e a favor do Val dos Caídos, tamén as formacións conservadoras e de extrema dereita como PP, C’s e Vox reclamaron a retirada do selo.

Especialmente belixerante foi a postura promovida por Vox, que chegou a exixir a dimisión do actual presidente da empresa pública de mensaxería, Juan Manuel Serrano.

Aliás, os tres partidos políticos antes citados acusaron o Goberno español por “promover unha ideoloxía criminal”, en referencia ao comunismo, e o deputado do Congreso Pablo Emérito Cambronero preguntou en sede parlamentaria se Correos consideraba emitir un selo cunha esvástica.