Xustiza

A Xustiza rebaixa as multas a seis dos ultras do Atlético condenados pola morte de 'Jimmy'

Dous dos acusados de participar na liorta na que morreu o deportivista Jimmy, chegando aos Xulgados, en decembro de 2022. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
A redución prodúcese ao entender a Sala que houbo un "erro de cálculo" na pena por parte do xuíz.

A Audiencia Provincial de Madrid vén de rebaixar a multa a seis dos ultras do Atlético de Madrid condenados polos feitos que desencadearon no asasinato do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero, alias 'Jimmy', o 30 de novembro de 2014. Nunha resolución á que tivo acceso a axencia Europa Press os maxistrados estiman parcialmente os recursos interpostos por seis dos penados e LaLiga contra a sentenza, do 30 de decembro de 2022, pola que o xuíz do Penal 23 de Madrid impuxo multas de entre 300 e 1.350 euros a 75 acusados dos 82 que sentaron no banco.

Foron condenados, por un delito de lesións en rifa tumultuaria, e dous deles tamén por atentado e lesións a unha policía nacional, á multa de 900 euros e a indemnizar a axente con 4.500 euros máis as costas e intereses. A outros sete absolveunos do delito de rifa e a dez de tenza ilícita de armas.

Agora, os maxistrados acordan rebaixar a case a metade a multa a seis dos penados, pasando de 1.350 a 750 euros. A redución prodúcese ao entender a Sala que houbo un "erro de cálculo" na pena por parte do xuíz. Así, son penados por lesións en rifa tumultuaria, concorrendo a agravante de reincidencia coas atenuantes moi cualificadas de dilacións indebidas e de confesión, a idénticas penas de multa de cinco —non nove— meses, con cota diaria de cinco euros.

Escrito do fiscal

No seu escrito, o fiscal relataba que os acusados se concertaran nas redes sociais para acudir ás 9 horas aos arredores do estadio Vicente Calderón, antiga 'casa' do Atlético de Madrid, coa "única motivación de demostrar ao outro grupo a primacía do seu equipo e da ideoloxía coa que se identifica".

Algúns deles portaban "armas prohibidas e instrumentos perigosos como paus de madeira, de aluminio, porras, bates de béisbol, navallas, mosquetóns ou defensas extensíbeis". Como consecuencia da liorta, varios resultaron feridos e un deles, 'Jimmy', faleceu, sostén o fiscal.

Por outra parte, a Liga Nacional de Fútbol Profesional, que actuou de acusación neste caso, pediu para os acusados até tres anos e medio de cárcere e multas de até 117.000 euros, segundo consta no auto de apertura de xuízo oral.