Denuncian que das axudas contra a violencia machista ''nin o 10%'' chega ás mulleres

Acto en Ourense o 25-N de 2011. [GalizaContrainfo]
A asociación Ve-la luz, integrada por mulleres que sofren o terrorismo de xénero, arremeteu con dureza en contra da casa de acollida da Coruña, que recibe 57 mil euros en subvencións da Xunta para atender catro persoas. Porén, derívaas a entidades xestionadas pola Igrexa católica para que lles dean roupa. O panorama, din, repítese noutros centros

Dos orzamentos destinados pola Xunta de Galiza á loita contra a violencia machista ás mulleres que se atopan nesta situación "non chega nin o 10%". Denunciouno esta quinta feira a asociación Ve-la luz en relación á xestión que se exerce na casa de acollida da Coruña, onde as mulleres son derivadas a outras entidades xestionadas pola Igrexa católica para obteren roupa. O panorama, segundo a voceira do colectivo, Gloria Vázquez, repítese noutras casas de acollida.

"Ningunha muller tería que facer ringleira e agardar se os orzamentos chegasen a elas", queixouse Vázquez, reclamando das distintas administracións públicas que supervisen "en que se gastan as subvencións", e enfatizou que os cartos que se destinan para prestar atención ás mulleres en situación de violencia machista "son sufientes para cubrir este tipo de necesidades". A voceira de Ve-la luz dixo ter coñecemento doutros centros que funcionan igual que o da Coruña, destacando unicamente a maneira de traballar da casa de acollida de Vigo.

Desde Ve-la luz subliñaron que as mulleres "están confinadas", con horarios "controlados" tendo que xustificar as súas ausencias, e "faltas do máis elemental" até o punto de que teñen que ir a pedir roupa "á beneficencia" --igrexas ou Cáritas--, cando a casa de acollida recibe 57 mil euros anuais de subvención da Xunta e so ten que manter catro habitacións --catro mulleres--. Así mesmo, arremeteu contra a falta de medios humanos, pois o servizo dispón dunha soa psicóloga que ten que atender ao ano ao redor de 450 mulleres con 10-15 sesións a cada unha.

Nunha rolda de prensa impartida canda o voceiro do grupo municipal de IU, César Santiso, Gloria Vázquez queixouse máis unha vez de que @s fill@s das mulleres que sofren o terrorismo machista vaian parar a un centro de menores, e insistiu en que "se unha muller é maltratada o seu fillo tamén". Pola súa banda, Santiso manifestou a súa "sorpresa" perante a negativa do Concello da Coruña (PP) de apoiar economicamente a colocación dun escenario en que organizar actividades contra a violencia de xénero no Día internacional que se conmemora o 25-N. "Hai cartos para ir a Londres, mais non para concienciar a cidadanía", criticou en referencia á campaña turística desenvolvida na cidade británica.