'Cancelas' á lingua e ao comercio local

A inauguración en Compostela do novo centro comercial Carrefour - As Cancelas non ficou exenta de polémica. Numerosas foron as persoas que se achegaron até o impoñente edicifio de 50 mil metros cadrados a estrear para berrar contra o uso de produtos reclamo como o leite, contra unha política lingüística onde o galego non ten cabida, contra a destrución de postos de traballo no pequeno comercio e contra o modelo de consumo que se promove desde as grandes superficies

 

O centro comercial As Cancelas abriu hoxe as súas portas. Máis unha grande superficie que virá destruír catro postos de traballo en pequenas tendas por cada un que se cree novo, segundo datos asociación de comerciantes Compostela Monumental.

O alcalde da cidade, Ángel Currás (PP), foi o encargado de cortar a cinta na inauguración deste negocio privado que recibiu tamén beizón relixiosa. Serán 50 mil metros cadrados a repartir entre transnacionais como Carrefour ou Inditex e as súas filiais. O impoñente edificio xuntou máis de 7 mil visitas na primeira hora após a súa apertuda, 50 mil en toda a xornada.

Por un prezo digno para o leite

Até as portas da grande superficie fóronse achegando ao longo do día diversos colectivos para protestar contra a política lingüística, en defensa do pequeno comercio e en prol da produción local e contra o uso do leite como produto reclamo. Chegaron primeiro @s gandeir@s.

Ao redor de 500 percorreron varios supermercados das firmas Gadis, Alcampo e Carrefour e, após accederen ao interior, retiraron dos andeis os cartóns de leite cuxo prezo estaba por debaixo dos 56 céntimos para deixalos depositados nas caixas de cobro.

Polo dereito a mercar en galego

Responsábeis das centrais sindicais destacaron que desde o 5 de xuño seguen a agardar a que o PP cumpra a súa promesa e procure solucións ao "colapso económico" das comarcas leiteiras. Mostraron tamén o seu rexeitamento á lei da cadea alimentaria, que "bendí o dereito de pernada da industria e da distribución" en detrimento de quen produce.

Ao redor do mediodía arrincou a segunda protesta. Unha comitiva da Mesa revolveuse en contra da exclusión da nosa lingua nesta grande superficie á mesma hora en que o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta e outros altos cargos do PP abandonaban o centro comercial após participaren nun acto de inauguración realizado integramente en español.

Queixáronse @s manifestantes de que o galego fica excluído tanto na comunicación como na publicidade e mesmo na sinalización, supondo tal decisión un retroceso respecto do apoio "histórico" que o comercio de Compostela viña dando á lingua propia de Galiza.

Para alén dun desfile que percorreu practicamente todos os recunchos, interromperon a entrevista en directo que a televisión pública TVG emitía co xerente do centro comercial, Abraham Cano, quen se negou a respostar en galego.

Polo pequeno comercio

Á última hora do serán máis unha mobilización volveu interromper unha conexión en directo da TVG. Foi a convocada pola Candidatura do Povo 'En defensa do pequeno comercio, a produción local e o emprego', da que fixeron parte ao redor de dúas ducias de persoas.

Con sonoras proclamas que chamaban a atención das numerosas persoas que abandonaban a grande superficie cargadas de bolsas, chamaron a boicotear o Carrefour polos "ruinosos efectos" que esta empresa francesa provoca, efectos que foron denunciados en reiteradas ocasións por diferentes colectivos en defensa dun consumo responsábel e do chamado 'comercio xusto'.

Para alén das condicións laborais en que o persoal desenvolve a súa xornada --segundo puido saber este diario os contratos contemplan xornadas de 10 horas á semana para actividades como limpeza ou dobrar pezas de roupa e as entrevistas de traballo foron realizadas en espazos cedidos polo Concello de Santiago--.

Desde os andeis de Carrefour non se garanten uns prezos que cubran os custos de produción nin se avoga pola venda directa, eliminando os intermediarios e os beneficios destes. Non se aposta tampouco polos circuítos curtos de produción, preferindo os alimentos da contorna fronte a aqueloutros 'quilométricos'.

Polo produto local e os postos de traballo

Fronte á maneira de comprar que se potencia desde as grandes superficies, existen en Compostela e na contorna outras alternativas. Cooperativas de consumo alternativo como Eirado, grupos de consumo como Fabas Lobas ou Naviza Ceive, mercados con ampla variedade de produtos locais como o de Lusco e Fusco ou o de Teo e un dos máis visitados: a praza de Abastos.

Porén, coa implantación das novas tarifas da ORA para o casco histórico obriga a que quen desexase aparcar o carro nas inmediacións da praza de Abastos e facer a súa compra, disporía unicamente de 60 minutos e non podería voltar polo lugar até pasadas dúas horas. As consecuencias do novo sistema afecta tamén ás persoas que traballan na zona monumental e aparcan na contorna.

Canda o diñeiro, o parquímetro reclama o número da placa de matrícula do carro. Cada hora, o carro hai que aparcalo nun punto distinto da cidade. Con todo, o novo centro comercial de As Cancelas dispón de máis 2.200 prazas de aparcamento de duración ilimitada. Diante das consignas berradas ao respecto, consumidor@s que saían do lugar apuntaban que "está claro. Xa nos están a dicir a onde temos que vir comprar".


NOTA: A imaxe de portada desta información foi tirada do cómic 'Que é o comercio xusto?', de Iago Araúxo, no que se explican as consecuencias da proliferación de grandes superficies e áreas comerciais en detrimento das pequenas tendas de barrio e das redes sociais que se tecían ao redor desta forma de consumo alternativa.