Máis cartos para un ensino ultracatólico que para o traballo a prol da lingua

Imaxe: Queremos Galego
O DOG fai públicos os convenios asinados pola consellaría de Educación: 44 veces máis cartos para a Fundación Cela que para a AELG, 3 veces máis para a Confederación de Empresarios que para cinco centrais sindicais, e até 35.000€ para a Federación Española de Religiosos de Enseñanza-Centros Católicos fronte aos 20.000 que recibiron @s traballador@s a prol da normalización lingüística. A Mesa non recibiu nada

A consellaría de Educación e Cultura repartiu o pastel dos convenios de colaboración correspondente aos primeiros catro meses de 2012. Publicaronse esta quinta no Diario Oficial de Galiza, mais non son axudas publicitadas, senon que dependen do criterio arbitrario de cada conselleir@. Os datos reflectirían, pois, as preferencias de Jesús Vázquez.

E o maior pedazo de pastel no referente á normalización do galego foi parar á Confederación de Empresarios --50.100 euros-- e á Federación Española de Religiosos de Enseñanza-Centros Católicos --35.000 euros--. Tomando en conta o montante xeral, a Fundación Camilo José Cela recibe 44 veces máis cartos públicos que a Asociación de Escritor@s en Lingua Galega.

44 veces máis para a Fundación Cela que para a AELG, e nada para A Mesa
A adxudicación de convenios é "sectaria e totalmente arbitraria", remarcou A Mesa en relación con este último punto, en relación ao cal destacan que a entidade dedicada a unha soa persoa e que escribía en español recibiu a maior cantidade de diñeiro, 265.334 euros, fronte aos 6.000 que foron parar á AELG. A fundación Cela, que acumula débedas importantes e que é pública desde hai unhas semanas, recibiu moito máis diñeiro tamén que aqueloutras dedicadas aos literatos como Carlos Casares (20.000€), Vicente Risco (6.000€) e Otero Pedrayo (5.000€).

"Só desde unha postura de desprezo total á cultura galega por parte da Xunta" podería entenderse este reparto de cartos vía convenios, quéixase Carlos Callón, presidente da asociación en defensa do idioma propio, que non recibiu nin un só euro do departamento que dirixe Vázquez. "Que pasa? Que para recibir axudas públicas hai que aplaudir a Núñez Feijóo como se fósemos súbditos e non puidésemos ter criterio propio e diferente?", ironiza Callón, lembrando que A Mesa conta con 4.000 soci@s, sendo o maior colectivo cultural da Galiza. A Coordinadora de Traballador@s pola Normalización recibiu 5.000 euros, e a Asociación de Funcionarios para a Normalización levou 15.000 euros. 

3.000 euros para sindicatos... e para dióceses
Cómpre dicir que os cartos entregados para a normalización do galego foron en total 336.150 dos 683.484 euros repartidos. Para esta encomenda, en comparación ao montante entregado @s empresari@s, os sindicatos UGT, Comisiones Obreras, CSIF, CIG --a través da Forga-- e ANPE recibiron algo, aínda que moi pouco: 3.000 euros.

A mesma cantidade que para as centrais sindicais foilles entregada ás dióceses de Mondoñedo-Ferrol, Tui-Vigo e o Arcebispado de Santiago, que acapararon 9.000 euros entre as tres. Seguindo con entidades vinculadas á Igrexa Católica, a Federación Española de Religiosos de Enseñanza-Centros Católicos (Ferega-Ceca) é o segundo ente máis subvencionado nestes catro meses, despois do Consello da Cultura, ao cal outorgaron 36.000 euros.