24N: ''festa rachada'' para enterrar o patriarcado

A Comisión de Acción Feminista do BNG chama a soterrar "un sistema de dominación que oprime tanto ás mulleres como aos homes" e a darlles ás catro mulleres galegas asasinadas no que vai de ano "un adeus en que afirmemos a súa ousadía". Recalcan que "non é un acto noso, senón de toda a cidadanía" e reservan o 25N, Día internacional de loita contra a violencia machista, para "apoiar todas as actividades que se celebren"

O Patriarcado, ex-gobernante do Planeta Terra, faleceu combatido polo movemento feminista. Descanse para sempre. É o epitafio co que se anuncia a "festa rachada" que conmemora o enterro do sistema patriarcal o 24 de novembro. Canda el, no mesmo cadaleito, remexeranse as súas crianzas, os malos tratos contra as mulleres e a invisibilidade; a súa irmá, a lingua sexista; os seus irmáns, os micromachismos; o seu veciño, o heterosexismo; e as súas fontes, a Conferencia episcopal, a división sexual do traballo e o androcentrismo.

Ás portas de máis un Día internacional contra a violencia machista, toca enfrontar "unha forma de terrorismo que as administracións nin recoñecen nin combaten como tal", espetou Goretti Sanmartín, responsábel da Comisión de Acción Feminista do BNG, no acto de presentación deste soterramento do patriarcado en que deixou claro que o convite "non é noso, senón de toda a cidadanía que sabe que o problema da violencia non está na crise económica".

Lembrou Sanmartín as catro galegas asasinadas no que vai de ano --Julia, Juventina, Iria e Marisol-- e, taxativa, recalcou que a estas catro mulleres as mataron "por se rebelaren contra un destino que o patriarcado lles tiña escrito: seguir toda a vida a carón dos seus maltratadores, dos seus vixiantes". Por conseguinte, chamou a facer do 25N un día para a reivindicación, para darlles "un adeus en que afirmemos a súa ousadía". Para alén do enterro do patriarcado, a intención da formación frontista é "berrar" tamén contra os recortes na protección social, nomeadamente no que atinxe ás mulleres en situación de violencia machista. Ao longo deste mes, presentará mocións nos concellos da Galiza en que porán riba da mesa tal rexeitamento.

Por derradeiro, insistíu en que "o sistema de dominación oprime tanto a homes como a mulleres" e fixo un chamamento a todo o tecido asociativo e ao movemento feminista a tomar parte no soterramento do patriarcado convocado para o sábado da semana que vén coa intención de reservar o domingo "para apoiar todas as actividades que se fagan desde outros ámbitos". O cortexo fúnebre sairá da praza do Toural, en Compostela, ás 12 do mediodía, e percorrerá as rúas da capital galega até o cemiterio de Bonaval.