Zapatos en cidades e vilas galegas contra o xenocidio en Palestina

Unha das accións desenvolvidas este sábado na Galiza (Foto: BDS Galiza)
O acto, impulsado por BDS e o apoio de diferentes colectivos e organizacións, denunciou o asasinato de "milleiros de palestinos" en Gaza.

Centos de zapatos colocados no chan lembraron este sabado as vítimas palestinas da última agresión israelí na Faixa de Gaza en varias localidades galegas.

Os actos foron convocados polo colectivo BDS Galiza en demanda dun cesamento do fogo e para reclamar a fin do "xenocidio" do pobo palestino a mans do Estado de Israel.

En Vigo, a rúa de Príncipe encheuse de zapatos sobre o chan mollado. Alí déronse cita decenas de persoas que clamaron consignas como 'Palestina, vencerá' ou 'Estado sionista, estado terrorista'.

A acción simbólica en Compostela desenvolveuse na escalinata da Praza de Praterías, mentres que na Coruña tivo lugar na Praza de Lugo. Cangas, Ferrol, Ponteares e Vilarchao foron outros dos lugares onde BDS reuniron ducias de persoas para reclamar "a fin do xenocidio".

"Galiza mostrou  a súa solidariedade en sete localidades simbolizando con zapatos baleiros os milleiros de palestinos asasinadas no xenocidio de Israel", sinalaron desde BDS.

Durante estes tres meses, a Galiza acolleu ducias de concnetracións e accións en apoio ao pobo palestino, así como manifestacións nacionais que reuniron miles de persoas.

As mortes na Faixa de Gaza desde o comezo da agresión israelí xa son máis de 23.700. Por outra parte, a ONU recalcou que a súa oficina de Dereitos Humanos verificou o pasamento de 330 persoas palestinas en Cisxordania e Xerusalén Leste, 84 delas crianzas, entre o 7 de outubro de 2023 e o 10 de xaneiro de 2024. A organización especificou que 321 destas persoas faleceron a mans das forzas represivas mentres que oito fixérono a mans de colonos israelís. Ademais, a causa dunha das mortes segue a ser investigada.