O 'recordatorio' a Feixoo proxectado na fachada dun edificio compostelán que se está a facer viral

Lémbralle ao líder do PP e presidente da Xunta a súa década de recortes en sanidade.


 

A crise do coronavirus está a levar ao límite aos sistemas sanitarios de estados e países afectados. É a implicación, compromiso e responsabilidade do persoal sanitario no seu conxunto quen evita en grande medida que a pandemia vaia a máis.

Durante estes días de crise de coronavirus, e perante as denuncias e críticas de persoal e usuarias dos servizos sanitarios e  de coidados pola falla de medios e equipamentos suficientes, a táctica do presidente da Xunta foi desviar toda responsabilidade cara ao Goberno español.

Amparándose Feixoo en que co estado de alarma o Goberno español constituíuse 'mando único', cara a el derivaba o líder do PP a responsabilidade de todas as eivas e deficiencias que se poidan dar no sistema sanitario no combate contra o COVID-19. Como se a situación actual da sanidade galega non fose en boa medida produto dunha década de políticas aplicadas polos seus Gobernos na Xunta.

E iso foi o que lle lembrou na noite desta sexta feira unha proxección sobe un edificio do barrio de Concheiros, en Compostela. “Feijóo, 11 anos pechando camas e despedindo a médicos na pública que agora nos salvan a vída”.

Tanto o vídeo como as imaxes fixéronse virais a través das redes sociais, sendo partilladas por miles de persoas.