As Zonas de Baixas Emisións, tarefa pendente das grandes cidades galegas

O modelo urbano de Pontevedra reduciu as emisións contaminantes. (Foto: Nós Diario)
Só Pontevedra cumpre a normativa medioambiental vixente.

O 1 de xaneiro entraron en vigor as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) no Estado español. A Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética que o Executivo estatal aprobou en 2021 obriga a partir deste mes todos os municipios de máis de 50.000 habitantes a ter áreas de circulación restrinxida para os vehículos contaminantes, unha medida que ten o obxectivo de reducir a contaminación no ámbito urbano.

A Lei tamén se debe aplicar nos municipios que teñan máis de 20.000 habitantes e que superen os valores límite dos contaminantes regulados no Real Decreto da calidade do aire aprobado no ano 2011. 

Segundo a normativa xa vixente, as ZBE deberán ir acompañadas de iniciativas que fomenten o transporte público e que incentiven a mobilidade eléctrica pública e privada.

Desta maneira, nas zonas que especifique cada municipio só poderán entrar vehículos con etiquetas ambientais 'cero emisións' e 'ECO', coa excepción das persoas empadroadas na área delimitada e dos vehículos de servizos públicos básicos. Así, as ZBE vetan os coches considerados máis antigos e contaminantes e que non teñen unha das etiquetas ambientais da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). A norma tamén abre a porta a cobrar peaxes para entrar nas ZBE, un aspecto que será decisión de cada municipio e cuxa contía dependerá do tipo de vehículo.

Na Galiza están obrigadas a instalar estas restricións as sete grandes cidades. Delas, só Pontevedra comeza o ano 2023 coa normativa ao día; Vigo e A Coruña anunciaron ZBE sen limitacións de circulación; Lugo adxudicou o contrato de estudo das medidas a aplicar; Compostela limitará o acceso de vehículos antigos no Casco Vello; Ourense só comunicou as rúas ás que afectará a ZBE e Ferrol é o concello galego menos avanzado en todo o relativo á lei que acaba de entrar en vigor neste ano 2023.

O modelo Pontevedra

A cidade do Lérez é un dos 20 municipios de todo o Estado que comezan o ano cumprindo coa normativa, e o único da Galiza. O modelo de cidade de Pontevedra fixo que o concello xa cumpra cos parámetros de calidade do aire que persegue a norma estatal. 

O traballo que o Goberno local fixo nos últimos 20 anos por reducir o tráfico no centro urbano e por aumentar os espazos dedicados ás persoas conduciu a que Pontevedra non teña que cobrar peaxe por entrar no casco urbano nin limitar o tránsito de vehículos contaminantes.