23 xornadas de folga en Cleanet polo impago de salarios

A CIG presenta unha denuncia xudicial contra o Ministerio de Defensa por quebrar o dereito a folga ao empregar persoal militar en substitución do plantel da concesionaria.

 

A folga indefinida iniciada en Cleanet, empresa concesionaria dos servizos de limpeza das instalacións dependentes do Ministerio de Defensa, o pasado 17 de outubro xa atinxe 23 xornadas de paro. O conflito provocado polo impago de salarios ameaza con se prolongar logo de que Defensa e a empresa pactasen un calendario de pagamentos que non contou co acordo da representación sindical.

“Ao principio comezaron a demorar os pagos até mediados de mes e agora xa nin pagan. Hai dúas semanas mantivemos unha reunión coa empresa e asegurou que ía pór os pagos ao día, cousa que non cumpriu”. Así explica Pablo Fragoso (CIG-Servizos) a orixe do conflito laboral que provocou a convocatoria da folga indefinida.

Cleanet foi a empresa que se fixo coa concesión dos servizos de limpeza de todas as dependencias das que é titular o ministerio de defensa. Un contrato que a nivel de todo o Estado lle reporta 12 millóns de euros. Porén, a empresa non abona os salarios e xa adebeda as nóminas dos meses de setembro e outubro. É por iso que o persoal que traballa no Arsenal de Ferrol foi á greve. Desde o inicio do paro o persoal realiza concentracións diarias e o pasado día 11 de novembro desenvolveron unha manifestación en Ferrol, malia as dificultades impostas pola policía para, segundo denuncian os sindicatos, poder levar a termo as mobilizacións.

Defensa

Desde o inicio do conflito o cadro de persoal reclamou a intervención do Ministerio de Defensa, en tanto responsábel do servizo, para que este lle exixise a Cleanet que atendese as súas obrigas. Os contactos mantidos até o momento con responsábeis de Defensa non deixan un saldo positivo. Neste senso, desde a CIG informan que nun primeiro encontro co Almirante este alegou non “poder facer nada” dado que o contrato é estatal. O que si lles trasladou o máximo responsábel do Arsenal foi o reproche porque os protestos do persoal coincidan co izado da bandeira, o que en opinión do militar supón unha falla de respecto. Xa en Madrid, o pasado día 7 tiña lugar unha reunión coa empresa na que Defensa deu un ultimato a Cleanet para a forzar a aboar os salarios pendentes, baixo a ameaza de rescindir o contrato coa concesionaria.

Rematado o prazo do ultimato (tres días despois) a empresa non fixo efectivo o acordo e non ingresou as cantidades que adebeda ao seu persoal. Con posterioridade difundíanse “rumores” con orixe en Madrid, nos que se apuntaba que entre o 10 e o 21 de novembro se podería pagar a nómina de setembro e a de outubro sería aboada a principios de decembro. Un acordo que non foi nin comunicado oficialmente, nin consensuado coa representación sindical.

Asemade, tal e como desde un primeiro momento xa anticipara o Almirante, Defensa decidiu empregar persoal militar para realizar o servizo de limpeza das súas instalacións, o que supón conculcar o dereito a folga dos e das traballadoras de Cleanet. Diante desta situación a CIG presentaba na mañá desta cuarta feira unha denuncia xudicial contra esa decisión.

 

CIG, CCOO e UGT tamén solicitaron unha xuntanza co novo Delegado do Goberno español en Galiza, Santiago Villanueva, para lle urxir unha solución ao conflito. O plantel amósase disposto a continuar coa folga até o lograr.