7 de febreiro: CIG convoca xornada de mobilizacións por unha “saída galega xusta da crise”

Imaxe de arquivo (Foto: Nos Diario)

Manifestacións que se desenvolverán en 18 localidades.

A CIG convoca para o domingo 7 de febreiro o que denomina unha “xornada de mobilización” e que se enmarca na campaña que o sindicato desenvolve desde o pasado mes de outubro para demandar unha “saída galega xusta da crise”.

A central exixe políticas que permitan afrontar “unha auténtica recuperación económica e social” ao tempo que permita camiñar cara á “unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas na Galiza”.

As mobilizacións desenvolveranse en 18 localidades en diferentes comarcas da Galiza e a CIG incide en que se garantirá en todo momento as medidas de seguridade e distanciamento establecidas no contexto da pandemia da Covid.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que as medidas que se están a adoptar polos Gobernos español e galego son “insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise derivada da pandemia” e "lévannos a unha maior precariedade, máis desigualdade social e máis pobreza porque o capitalismo aposta por salvar a economía en vez de protexer as persoas".

Carril considera que para iniciar a recuperación dos dereitos laborais e sociais, hai que comezar pola derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións implantadas dende 2010.

Tamén reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, como marca a Carta Social Europea, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social, na contía do SMI; así como establecer por lei unha pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC real.

Xunto  isto, aposta en que se prohiba por lei a aplicación de ERE, ERTE, modificacións de condicións etc. sen previa autorización administrativa e acordo co persoal.

Ante a conxuntura actual, o secretario xeral da CIG destaca que as administracións teñen que ter un papel fundamental na dinamización económica.

Canda estas medidas, a CIG demanda un reforzo dos servizos públicos, eliminando a taxa de reposición, e retornando ao público aqueles servizos privatizados, volvendo á xestión directa da sanidade, e fortalecer o ensino público, incrementando os cadros de persoal en ambos casos.

Tamén a posta en marcha dun Plan de Conciliación con dereitos para as necesidades de coidados xeradas pola pandemia e a creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas, que integre residencias, centros de día, centros de atención á diversidade... incorporando á rede pública os SAF e dignificando as condicións do persoal.

Lugares e hora das mobilizacións

- A Coruña: ás 11:30h, marchas con saída dende a Casa do Mar, a Torre de Hércules, o Pazo da Ópera e a Praza de Portugal até a Praza de María Pita.

- Compostela: ás 11:30h, marchas dende o Hotel Peregrino, a rotonda de San Caetano e a rotonda do Restollal até a Praza da Quintana.

- Ferrol: ás 11:30h, marchas con saída dende a Praza Vella e dende a rotonda do Diapasón (Esteiro) até a Praza de Armas.

- Lugo: ás 11:30h, marchas dende o Parque Frigsa e o edificio do INSS (avda. de Madrid) até á Praza Maior.                

- Ourense: ás 11:30h, marchas con saída dende a estación de RENFE, a rotonda de Mariñamansa/Paco Paz e o estadio do Couto até a Praza Maior.          

- Pontevedra: ás 11:30h, con saídas desde o Hospital Provincial (rúa Loureiro Crespo) e desde a rotonda de San Roque -Alameda.

- Vigo: ás 11:30h, marchas dende a Dobrada e da praza do Concello até o farol de Urzáiz.

- A Guarda: ás 11:30h, concentración na Praza do Reloxo.

- As Pontes: ás 12:00h, concentración no edificio do INEM

- Boiro: ás 12:00h, na Praza do Concello.

- Cangas: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.

- Cee: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.

- Lalín: ás 11:30h, concentración na Praza da Torre.

- Porriño: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.

- Redondela: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.

- Ribadeo: ás 12:00h, concentración na Oficina de Emprego.       

-Verín: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.                 

- Vilagarcía: ás 11:30h, con saídas desde rotonda Ramal e desde rotonda Piñeiriño.