A CIG denuncia que Gasóleos Tea acosa unha traballadora desde que colleu a baixa por maternidade

[Imaxe: Cedida] Surtidores de gasóleo

A segunda feira, 19 de febreiro, o Xulgado do Social de Vigo acollerá un xuízo no que se dirimirá a denuncia presentada por unha traballadora contra Gasóleos Tea por vulneración de dereitos fundamentais, ao verse acosada após coller unha baixa por maternidade.

A FGAMT-CIG vén de denunciar publicamente o acoso de Gasóleos Tea contra unha traballadora por vulneración de dereitos fundamentais. Os problemas para a afectada, sinala o sindicato, comezaron tras coller unha baixa por maternidade. O “trato denigrante” sufrido pola traballadora desembocou en varias baixas laborais por depresión.

 

Precisamente, nesta segunda feira, 19 de febreiro, o Xulgado do Social de Vigo acollerá o xuízo no que se dirimirá a denuncia presentada pola traballadora contra Gasóleos Tea. Berros e reproches, críticas inxustificadas ao seu traballo, un control esaxerado de todo o que fai, insultos, humillacións constantes, difamacións falsas… son exemplos do “trato inaceptábel” recibido pola traballadora, denuncia a CIG, que informa de que a afectada se atopa “totalmente desfeita a nivel psicolóxico”.

 

A CIG explica que a traballadora desempeña o seu posto no centro de traballo da Guarda desde 1995 e que en 2011 se reincorporou após a baixa por maternidade. Coincidindo cun cambio na administración da empresa, reducíronlle “drasticamente o salario”. Logo dunha reclamación xudicial ambas partes chegaron a un acordo retributivo.

 

Cambio de lugar de traballo

 

Unha vez que a traballadora fai uso do dereito á redución de xornada para coidar da filla, en xuño de 2017 recibe comunicación da empresa na que se indica que fecha o seu centro de traballo e que terá que desprazarse a outro centro, situado en Ponteareas, a unha hora de camiño en coche da oficina actual.

 

A CIG advirte de que o centro de traballo da Guarda non ten perdas económicas e sitúase nunha oficina propiedade da empresa que hoxe en día segue rotulada co seu nome, polo que non alteraría o funcionamento da empresa que ela traballase desde A Guarda. “Queda claro, por tanto, que a única intención da empresa é penalizala, denegándolle o seu dereito á conciliación, xa que entre ir e vir catro veces ao día destinaría diariamente catro horas máis a ir ao traballo”, afirma o sindicato.