JESúS LóPEZ, PRESIDENTE DO COMITé DE EMPRESA DE LANTERO

‘’Aguantamos 118 días de folga polo apoio total da xente. Iso non o esquecemos”

Jesús López

A factoría cartoneira de Vilagarcía volverá á actividade após un longo conflito que chega ao fin coa readmisión dos 46 operari@s que ían quedar sen o seu posto, se ben a empresa aplicará un ERTE.

 

‘Ou todos ou ningún’ mantiveron a ferro e lume os traballadores de Lantero durante os 118 días de folga contra os plans da empresa cartoneira de despedir operarios e meter a tesoira a fondo nos salarios. Case catro meses de folga indefinida que deron os seus froitos este sábado, ao atinxir un acordo polo que non haberá nin un só despedimento. ‘

- 118 días de folga mais finalmente atinxiuse un acordo. Pensastes nalgún momento que non se ía chegar a una solución?

- Houbo momentos moi duros. Cando impugnamos o ERE todo apuntaba a que ía ser a xustiza quen acabaría decidindo sobre este conflito. Mais sempre houbo unha porta aberta coa empresa a través de xente do sindicato (CCOO) en Madrid, porque aquí,connosco, xa rachara calquera tipo de contacto desde case o inicio da protesta.

- O acordo acadado esta fin de semana cumpre cos mínimos que demandabades?

- Hai un elemento fundamental: vaise readmitir a todo o mundo e ninguén que non teña o futuro garantido vai abandonar a empresa. Non vai haber ningún despido forzoso. Sempre dixemos nesta folga que non ía quedar ninguén ‘tirado’, que ‘ou todos ou ningún’. Vai haber 18 pre-xubilacións ou baixas incentivadas. E o expediente de regulación temporal de emprego, polo que os traballadores pasarán un máximo de 180 días no paro, no que cobrarán o 100% - a empresa completará a cantidade pagada pola seguridade social-.

"Non vai haber ningún despido forzoso. Sempre dixemos nesta folga que non ía quedar ninguén ‘tirado’, que ‘ou todos ou ningún’"

- Case catro meses de folga e múltiples mostras de solidariedade e apoio...

- Iso foi fundamental, o máis importante. Foi o que nos axudou a aguantar, que toda a xente, que a vila e a comarca se volcase con nós. Das o paso de te enfrontar á empresa para defender os teus dereitos e ves como a xente se pon do teu lado, que entende o que fas, que comparte os teus argumentos...iso non o esquecemos.

- Mais tamén houbo momentos duros

Moi duros. Cando comezan a chegar cartas de despedimento a compañeiros, coa angustia de estar sen saber quen ía ser o seguinte en recibila...Aí a moral si que decaeu un pouco, mais fomos quen de nos sobrepoñer, de motivarnos para seguir adiante. E así chegamos ata este acordo, que non deixa de ter un sabor agri-doce, porque mantemos que a empresa non necesitaba aplicar ningunha das medidas que propuxo.

- O de Lantero foi un conflito no que a folga foi unha ferramenta indispensábel, sen a cal non se chegaría a un acordo, nuns momentos nos que se lexisla para recortar ese dereito.

Véndennos a idea de que protestar, mobilizarse, loitar non é algo actual. Non está de moda, non é útil. E na realidade é todo o contrario. Nuns momentos nos que nos están a recortar dereitos debemos ter claro que hai que mobilizarse e non resignarse nin ‘pasar’.

"Houbo momentos moi duros. E momentos nos que a moral caía, mais fomos quen de manternos"

- A vosa loita chegou a Bruxelas uns días antes de acadar o acordo, onde da man de AGEe mantivestes xuntanzas e reunións con parlamentarios de grupos de esquerda europea onde expuxestes a vosa situación.

- Para nós foi algo moi importante. Nesas xuntanzas remarcamos moito a idea de que a nosa loita estábase a dar contra unha inxustiza que estaba a acontecer en territorio europeo. Non pode ser que por exercer o dereito á folga perdas outros dereitos. Fas unha folga de 100 días e como fas para pagar a hipoteca? Non podes. E iso sábeo a empresa. Sabe que así como se vaia alongando unha folga ou protesta, fáiseche máis e máis difícil ter dereitos como o da alimentación ou vivenda, porque de onde sacas os cartos para pagalos?

"Véndennos a idea de que protestar, mobilizarse, loitar non é algo actual. Non está de moda, non é útil. E na realidade é todo o contrario"

- E que debería facerse logo para que isto non fose así?

- Foi o que expuxemos en Europea, e alí os grupos de esquerda ficaron abertos a ela. A ver, as empresas poden financiar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) a custa das cotizacións dos traballadores ao seguro de desemprego. Pois propomos que se habilite unha fórmula para que aquelas persoas que queiran exercer o seu dereito á folga poidan facelo tendo garantido uns mínimos para a súa subsistencia, recorrendo por exemplo a un fondo de garantía de desemprego no que xa estiveran cotizando dende o inicio da súa vida laboral.

- Cando percibistes que ía acadarse un acordo?

- Empezamos a pensar que podía darse un acordo cando desde o sindicato en Madrid nos dixeron que a empresa aceptaba falar.