Amplo seguimento da xornada de greve nos centros de chamada

centros de chamadas

O sector estaba convocado a unha xornada de paro na Galiza a prol dun “convenio digno” e contra a precariedade. “Estamos moi satisfeitos da resposta”, manifestou Laura Pérez, responsábel deste sector na central nacionalista CIG, que destacou nomeadamente o seguimento en Vigo, que cualificou de "masivo". Vídeo no interior

A CIG valora moi positivamente a resposta á xornada de greve convocada para esta terza feira pola central nacionalista cos centros de chamadas, un sector que representa por volta dos 8.000 traballadores na Galiza. Laura López, traballadora de telemarketing e responsábel na CIG deste sector, cualificou en conversa con Sermos Galiza como “moi satisfactoria” a resposta dada á convocatoria en Vigo, cidade que acolleu unha manifestación na que tomaron parte varios centos de persoas. A respeito do seguimento noutros puntos, carecía aínda de datos, mais considera que a resposta dada amosa que a xente está disposta a pelexar polos seus dereitos.

“En empresas como Bosch ou Unisono” estivemos por riba do 60% do seguimento da greve”, sinalou, en referencia a dúas das principais empresas do sector en Vigo. López lembrou que esta era unha xornada para defender un convenio digno e rexeitar a precariedade laboral e salarial, así como a temporalidade.

O 20 de abril hai convocada unha xuntanza da negociación do convenio colectivo. “Despois, o sector reunirase e veremos que facemos, valoraremos as propostas e decidiremos”, sinalou Laura López, que reiterou que a xornada de greve amosou que os traballadores e traballadoras deste sector están “con gañas de defender os seus dereitos”.

 

Imaxes: CZ contrainfo e CIG