Após 6 días de greve, asinado o primeiro convenio colectivo en Leche Celta en Pontedeume

Seis xornadas de greve secundadas pola totalidade do cadro de persoal, composto por 170 traballadoras, deron o seu froito: o primeiro convenio colectivo para o centro de traballo que a empresa Leche Celta SLU ten en Andrade (Pontedeume) e que mellora substancialmente as condicións laborais e salariais dos operarios.

 

O secretario Confederal de Emprego e Industria, Francisco Cartelle, destaca que unidade do persoal nas xornadas de folga foi determinante para acadar o duplo obxectivo perseguido: achegar a negociación colectiva aos traballadores do centro, rachando así o marco estatal, "un marco afastado e de resultado nefasto para o sector"; e por outra banda, acadar un convenio que mellore cualitativamente as condición de traballo do persoal.

 

O convenio colectivo terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2017 ao 31 de decembro de 2020. Contempla un incremento salarial mínimo de 150 euros mes en 15 mensualidades. Así mesmo, aplicarase un diferencial de 1,5% por enriba do incremento anual que experimente o convenio estatal de industrias lácteas.

 

Tamén se lograron melloras nas licencias retribuídas e avanzos na  vixilancia da saúde, incorporando novas probas médicas e unha maior periodicidade das mesmas, entre outras cuestións.