Mesa Intersindical de Bombeiros

"As autoridades teñen unha visión mercantilista e curtopracista sobre a atención das emerxencias"

A mesa intersindical de bombeiros considera que hai un problema de “irresponsabilidade” das administracións públicas.

A Mesa Intersindical de bombeiros considera que o acontecido co sinistro de Fandicosta é un exemplo da “irresponsabilidade” das administracións públicas en materia de emerxencias. Acusa a Xunta e as deputacións de manter un sistema fraccionado entre diferentes empresas privadas, sen regulación homoxénea, sen un mando único e sen coordinación entre dispositivos. A esta situación cómpre engadir a do 112, que se atopa, din, “privatizado e precarizado”. Sinistros como o de Fandicosta deben ser atendidos “con celeridade, coordinación e suficiencia”; porén, moitas veces acábase por recorrer ao “voluntarismo e sacrificio” por parte dos profesionais das emerxencias. Desde os sindicatos lamentan que as autoridades “non aprendesen lección ningunha» de episodios anteriores nin mostrasen "propósito de emenda” dos seus erros.

As autoridades galegas teñen unha visión “mercantilista, miserenta e curtopracista” sobre a atención das emerxencias, afirman as centrais, que dubidan que se poida atender profesionalmente sinistros coma este sen unha regulación concreta nin protocolos. Os sindicatos insisten na necesidade dun estatuto profesional dos bombeiros e en que os operativos de emerxencias conten cun mando único que garanta a coordinación estable.

“É demasiado frecuente”, din, que haxa sinistros atendidos por parques privados de bombeiros cando hai parques públicos máis próximos ou, incluso, que se lles prohiba actuar aos profesionais dos parques públicos, como foi o caso de Fandicosta, denuncian.