As axencias privadas de colocación “reciben 400 euros por parado, encóntrenlle ou non emprego”

paro

Delegados sindicais denuncian o que cualifican de “mercadeo” coas persoas no desemprego.

As políticas de “externalización” do emprego levan a que haxa un “mercadeo” coas persoas no desemprego, unha situación na que a propia administración ten responsabilidades e hai “complicidade” de axencias de colocación, como ETTs, e empresas privadas de formación. Esta é a denuncia que hai uns días fixeron delegados de diferentes sindicatos cunha concentración en Ferrol perante dúas oficinas de emprego da cidade departamental.

Un dos delegados, Fernando Varela (Comisións Obreiras), criticou duramente, en declaracións recollidas por Eeuropa Press, as políticas de “externalización” e afirmou que se lles está a dar a empresas de traballo temporal (ETTs) “por cada parado, obteña ou non emprego, 400 euros”. Unha cantidade, engadou, que pode ir aumentando até chegar aos 3.000 euros coa desculpa de “accións de inserción”, categoría na que se computan contratos en prácticas ou de formación, asegura.

Non dubidan os sindicatos en que se está avanzando cara a unha “privatización da política de persoal no servizo públcio de emprego”, denunciando a falla de persoal e o aumento de carga de traballo. Con estas decisións e medidas, o que se procura é “debilitar” o servizo público de emprego para “xustificar” externalizacións.