Case 9 de cada 10 coidadoras non profesionais de persoas dependentes son mulleres

A maioría das coidadoras de persoas en situación de dependencia son menores de 50 anos. (Foto: CDR O Viso).

Segundo informa o Imserso, un total de 83.589 persoas en todo o Estado están dadas de alta no convenio especial de coidadores non profesionais de persoas en situación de dependencia e, delas, 87,9% son mulleres.

Na Galiza o número de persoas coidadoras non profesionais rexistradas a 31 de xullo de 2024 ascende a 5.789, case 400 máis que as que figuraban na estatística ao finalizar o primeiro mes do ano.

Malia que os datos ofrecidos polo Imserso a partir das cifras publicadas polo Ministerio de Dereitos Sociais non afina a porcentaxe de homes e mulleres que se encargan dos coidados a persoas dependentes en cada territorio, o perfil trazado polo Instituto de Mariores e Servizos Social é sólido e transversal.

Muller menor de 50

No mes de xullo había no conxunto do Estado 83.589 coidadoras non profesionais dadas de alta, dos cales 10.116 eran homes (12,1%) e 73.473, mulleres (87,9%). Por idade, a maioría destas coidadores de persoas en situación de dependencia eran menores de 50 anos (38,2%), seguidas da persoas entre 56 e 60 anos (21,7%), as de 51 a 55 (18,9%), as de 61 a 65 (16,6%) e as maiores de 65 anos (4,5%).

As comunidades autónomas con maior número de coidadoras non profesionais son a Comunitat Valenciana, con 16.202; seguida de Andalucía (12.573), Catalunya (8.368) e a Comunidade de Madrid (7.656). No outro extremo atópanse as cidades autónomas de Ceuta (166) e Melilla (263), A Rioxa (269) e Estremadura (1.011).

Cotizacións

Desde o 1 de abril de 2019, as coidadores non profesionais beneficiarias da lei de dependencia poden subscribir un convenio especial coa Seguridade Social sen ter que pagar elas as cotizacións, como viña ocorrendo desde 2013. A partir dese momento, as cotizacións sociais destes convenios, tamén dos que xa estaban en vigor, corren a cargo da Administración Xeral do Estado e non xeran custo algún ao coidador non profesional.

Desta forma os anos dedicados ao coidado da persoa dependente intégranse na súa vida laboral e contribúen a xerar dereito a prestacións como a de xubilación ou a de incapacidade permanente.

Rol de xénero

Segundo o estudo A perspectiva das persoas coidadoras desde unha análise de xénero publicado en 2023 pola Revista de Saúde Pública, as mulleres coidadoras soportan "unha maior carga" relacionada cos coidados. "O rol de coidadora é imposto a partir dunha socialización que marca desigualdades, tanto nas atribucións que fai a familia como na autopercepción e expectativas sobre os comportamentos sociais para ambos os xéneros", sinalan os autores do documento.

O estudo revela que 90% das coidadoras facíano por obriga moral, compaixón, reciprocidade e amor; mentres que un 80% dos homes coidadores dicían facelo por responsabilidade e reciprocidade, obtendo un logro e unha aprendizaxe satisfactoria.

Ademais, a análise fai fincapé nos altos niveis de sobrecarga que se enfrontan as persoas coidadoras e revela que as persoas maiores, cando coidan, son as que teñen unha máis "alta dedicación horaria (máis de vinte horas á semana)".

Segundo datos do XXIV Ditame do Observatorio Estatal da Dependencia, elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, a finais de 2023 había en España 1.567.107 persoas con dereito a prestación por dependencia. Se ben, había 296.431 persoas na lista de espera da dependencia (179.244 en espera de recibir a prestación ou servizo e 117.181 esperando a ser valoradas).