Centos de persoas fan fronte en Vigo á represión laboral

Foto: Adrián R. Bravo

Unha manifestación pola readmisión dos despedidos en Citroën e de apoio aos folguistas de fame percorreu Vigo no serán desta terza feira. Durante a xornada, decorreron concentracións por todo o país perante concesionarios da marca.

Unha manifestación de centos de persoas percorreu Vigo nesta terza feira, cando se cumpren 15 días do despedimento de 2 traballadores da factoría de Citroën na cidade olívica. Unha marcha que exixía a readmisión dos despedidos e denunciaba a “represión sindical” en Citroën. A mobilización tamén apoiou os traballadores en folga de fame. Dende a sección sindical da CIG-Citroën trasladaron o agradecemento dos dous compañeiros que permanecen en folga de fame (un deles leva xa seis días sen inxerir ningún tipo de alimento sólido) por todas as mostras de apoio recibidas. Ao mesmo tempo, denuncian que a empresa segue sen permitir a entrada de persoal médico de confianza para que poida avaliar o estado dos folguistas.

A folga de fame iniciouse o 1 de xullo en protesta polo que cualifican como despedimentos “inxustos” e “sen precedentes” de dous traballadores, afiliados á CIG, da fábrica PSA-Citroën. A CIG denuncia a falsidade dos argumentos da empresa que explica os despedimentos por incumprimento en materia de seguridade mais, segundo aseguran, non se detectaron consecuencias nos vehículos fabricados. Aseguran que non hai precedentes a estes despedimentos que, segundo sinalan, carecen de fundamento. “Nunca se tomou unha medida tan drástica sen existir sancións previas”, sinalan. 

Durante a xornada, en distintos puntos do país houbo concentracións solidarias diante das instalacións de concesionarios da marca.