Centos de persoas reclaman nas rúas a recuperación dos dereitos sociais e laborais

CIG convocou mobilizacións e concentracións en diferentes comarcas do país, accións que terán continuidade esta sexta feira coas manifestacións en Pontevedra, Vilagarcía e A Estrada.

Centos de persoas tomaron parte esta cuarta feira nas mobilizacións convocadas pola CIG en diferentes comarcas do país dentro da campaña pola recuperación dos dereitos laborais e sociais. Unhas mobilizacións que van ter continuidade esta sexta feira coas manifestacións convocadas en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e A Estrada. “É o momento de presionar o goberno para recuperar os dereitos perdidos”, manifestou o secretario xeral do sindicato. Xesús Seixo, presenta na mobilización que tivo lugar na Coruña.

Estes actos enmárcanse na campaña que a central nacionalista impulsou a finais de 2016 e que se concretou en xaneiro coa manifestación en Santiago de máis de 3.000 persoas na defensa das pensións públicas.

A campaña quer presionar a favor da derrogación das medidas máis lesivas contra os traballadores aprobadas nos últimos anos  A central sindical nacionalista acordou pór en marcha esta campaña para aproveitar o cambio de circunstancias políticas, cun Partido Popular gobernando sen maioría absoluta, o que permite que se formulen proxectos de lei dirixidos a derrogar todas esas reformas que se fixeron. “Entendemos que é o momento de presionar ao goberno para que se lexisle no camiño de recuperar estes dereitos perdidos. Sabemos que o goberno, por propia iniciativa, non o vai facer, porque o que fixo até o de agora en materia de política económica e sociolaboral responde ao modelo ideolóxico do PP”.