Centos de traballadores da xustiza percorren Compostela de loito contra a “discriminación”

En greve desde o pasado 7 de febreiro, o colectivo manifestouse este sábado en Compostela. Máis de 2.500 persoas tomaron parte na mobilziación. Responsabilizan a Xunta do bloqueo das negociacións e de tentar poñer a opinión pública na súa contra. 

Máis de 13 xornadas de greve, cun seguimento que anda en 90% , demostran que o colectivo de traballadores e traballadoras da xustiza de Galiza están convencidos das reclamacións e demandas que defenden. A manifestación deste sábado, con centos de persoas a percorrer de loito as rúas de Compostela para denunciar “a morte da xustiza a mans da Xunta”, reitera ese convencemento.

 

As negociacións bloqueadas e sen atisbo de acordo a curto prazo mais o persoal da administración mantén o protesto, embora que cada grevista leve deducidos do seu soldo case mil euros polos protestos. “Non á discriminación” foi un dos berros da manifestación, na que se instou a Xunta a negociar e a finiquitar a discriminación laboral e salarial do persoal da administración de xustiza de Galiza a respecto do resto de territorios do Estado.

 

Representantes de BNG, En Marea e PSdeG apoiaron coa súa presenza a mobilización, na que as persoas participantes defenderon tamén a “dignidade” da greve e dos grevistas. “Estamos fartos de que desde a Xunta se intente poñer á xente en contra nosa”.

 

.Desde o inicio da protesta suspendéronse por volta de 7.000 xuízos e 20.000 trámites.