CIG chama a un Primeiro de Maio de “recuperar dereitos para avanzar”
A principal central na Galiza convoca mobilizacións en 12 cidades e vilas do país.
‘Recuperar dereitos para avanzar: na Galiza emprego, salarios e pensións dignas’ é o lema escollido pola CIG para este 1º de Maio, data na que a central nacionalista subliña a importancia “de tomar as rúas para esixir un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise”.
O sindicato maioritario en Galiza describe un mercado do traballo marcado polas novas formas de “explotación laboral introducidas coas reformas laborais”, que empobrecen traballadoras e traballadores; e polo desmantelamento industrial, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.
Critica a CIG que o PSOE non tivese “intención real” de mudar as políticas aplicadas polo PP (“mantén o modelo económico e de relacións laborais nado das reformas laborais aprobadas en 2010 e en 2013”). Tamén acusa Núñez Feixoo de ser cómplice das políticas que levan Galiza, afirman, “á grave emerxencia nacional e social”.
Neste contexto, a central considera que ten a responsabilidade de “tomar iniciativas” e lembra as loitas e mobilizacións laborais e sociais desenvolvidas nestes meses.
Por último, a CIG tamén consideras que as próximas convocatorias electorais “son unha oportunidade” para mudar a realidade laboral para mellor. Nese sentido, a CIG considera que a solución pasa en “apostar por forzas políticas propias, autenticamente galegas, nacionalistas e de esquerdas”.
Mobilizacións
Ferrol, 12h, Avenida de Esteiro
Pontevedra, 12h, Praza da Ferrería
Vilagarcía, 12h, Casa do Mar
A Estrada, 12h, Praza do Mercado
A Coruña, 12h, Praza de Vigo
Vigo, 12h, A Dobrada
Compostela, 12:30h, Praza Roxa
Ribeira, 12h, Praza do Peixe
Ourense, 11:30h, Praza Maior
Cee, 12h, Diante do Concello
Lugo, 12h, Edificio Sindical
San Cibrao, 12h, Casa do mar.
Cangas do Morrazo. 18.30h. Diante do Concello.