A CIG denuncia que o Estado segue incumprindo a Carta Social Europea

Francisco González Sío e Paulo Carril nunha rolda de prensa en Vigo (Foto: Europa Press).
O SMI para 2024 só é 52,50% do salario medio recollido por Eurostat, segundo a central nacionalista.

O Estado español segue a incumprir co estabelecido na Carta Social Europea (CSE) ao estabelecer unha contía para o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) inferior a 60% do salario medio.

É a denuncia que fai a CIG sinalando o Real Decreto 145/2024 que fixa para 2024 un importe de 15.876 euros, mais segundo os datos publicados por Eurostat, o salario medio bruto anual no ano 2023 foi de 30.237,38 euros. 

“Isto significa que o SMI aprobado para 2024 representa só 52,50% do salario medio recollido por Eurostat, cando debera ser, polo menos, de 18.142,42 euros ao ano e de 1.295,82 euros ao mes”, asegura a central nacionalista.

Neste sentido, a CIG afirma que os datos do organismo europeo confirman o que levan anos denunciando, especialmente desde que o Estado español se adheriu á última versión da Carta Social Europea, de que o Goberno español segue sen cumprir co artigo 4.1.

Por este motivo, a central nacionalista presentou unha reclamación colectiva no Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) que aínda está pendente de resolución. 

Ante isto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembra que para este 2024 a central nacionalista solicitou incrementar o SMI até os 1.253 euros mensuais, en 14 pagas, "mais desta proposta o Goberno español fixo caso omiso".

Explica que para facer este cálculo, a CIG recorre aos datos dos módulos salariais que publica a Axencia Tributaria "porque permiten coñecer de forma máis fidedigna e obxectiva os ingresos reais das e dos traballadores". Lembra, ademais, que o CEDS  instou ao Estado en múltiples ocasións, a elevar o seu SMI como requisito da Carta Social.