A CIG exixe a instalación en Vigo do monumento en lembranza ás loitas obreiras na cidade de 1972

Mobilización da CIG en Vigo, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, comparou a negativa de Caballero coa actitude de “moitos presidentes de todo o Estado onde o PP e Vox están a derrogar a Lei de Memoria Histórica”.

A CIG convocou esta quinta feira diante do Concello de Vigo unha protesta pola negativa do alcalde, Abel Caballero (PSdeG), a instalar na cidade un monumento en lembranza ás loitas obreiras na cidade de 1972.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, dixo que foi a organización sindical a que tramitou este monumento “e levamos dous anos e medio agardando diante dun alcalde que practica o esquecemento histórico”.

Precisamente esta quinta feira, 26 de setembro, fixéronse 52 anos do remate desas loitas obreiras na cidade, e perto dun cento de persoas protestaron diante do Consistorio lembrando que “Vigo ten pendente recoñecer e popularizar estas loitas”, o mesmo que en Ferrol hai un monumento semellante á loita obreira do 10 de marzo.

Carril comparou a negativa de Caballero coa actitude de “moitos presidentes de todo o Estado onde o PP e Vox están a derrogar a Lei de Memoria Histórica”. Criticaron que o rexedor “se negue a instalar un monumento pagado e promovido pola CIG”, xa hai dous anos.

Resposta do Concello

Tras esta concentración, o Concello saíu ao paso asegurando que foi a Xunta da Galiza a que "imposibilitou" a colocación dunha estatua no monte do Castro e acusou á CIG de "mala fe". Nun conciso comunicado, o Goberno local dixo que en maio de 2023 a Delegación Territorial de Pontevedra da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades enviou un informe desfavorábel respecto diso, non autorizando esta colocación.

"Este Goberno municipal non só non tenta silencia ou anular a historia do 1972 desta cidade, senón que nese mesmo ano algúns foron detidos e tiveron que estar exiliados fóra do Estado español por defender a democracia. A CIG segue mostrando a súa mala fe e aínda así, este Goberno seguirá buscando algún emprazamento para ese monumento con símbolos partidarios", sentenza.