A CIG leva ás rúas o rexeitamento á centralización da negociación colectiva

Delegados da central nacionalista percorreron esta mañá as rúas de Compostela en defensa da negociación colectiva en Galiza e contra a precarización do mercado laboral.

A CIG volveu saír á rúa para denunciar o proceso de centralización da negoción colectiva impulsado a raíz dads reformas laborais e que, afirma, empeora as condicións de traballo e vulnera na práctica a liberdade sindical. Delegados da central nacionalista percorreron esta terza feira as rúas de Compostela en defensa da negociación colectiva en Galiza e contra a precarización do mercado laboral. A mobilización decorreu tras unha asemblea nacional na que se analizou a situación sociolaboral en xeral e, nomeadamente, a problemática que se dá no ámbito da negociación colectiva.

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, denunciou a transferencia masiva das rendas do traballo ás rendas do capital abaratando, na primeira reforma o despedimento; despois modificando as condicións para os EREs e logo mudando as regras da negociación colectiva. Denunciou que nse lle dou preferencia aos convenios de empresa “para evitar que se puideran aglutinar forzas nos convenios a nivel provincial”, deixando na indefensión aos cadros de persoal con cada vez máis traballadoras e traballadores eventuais ou en condicións precarias e, polo tanto, con menor capacidade de mobilización para defender os seus dereitos.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, denunciou a sobreexplotación da clase traballadora a través da redución dos salarios; o incremento da xornada laboral; os retrocesos en prestacións sociais; a desregulación, individualización e a precarización en xeral do mercado laboral. En síntese “recortando dereitos e deslexitimando á clase traballadora fronte á patronal”.