A CIG promove unha Proposición de Lei por un rexistro diario da xornada de traballo nas empresas

Operarias nunha carpinteiría industrial

Pretende evitar as prolongacións irregulares de xornada e garantir a axeitada cotización en materia de Seguridade Social.

CIG vai remitir a todos os grupos con representación no Parlamento de Galiza e no Congreso español unha Proposición de Lei sobre o establecemento dun rexistro diario da xornada de traballo. Unha medida que permitiría acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias para alén de garantir a correcta cotización en materia de Seguridade Social.

 

A CIG afirma que a flexibilidade horaria que permite a actual lexislación laboral deu lugar a numerosos litixios nos que se cuestionou se as empresas están ou non obrigadas a levar un rexistro diario da xornada de traballo. Un tema que non é menor, pois afecta os medios de proba de que dispoñen os traballadores para acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias sobre a súa realización e abono.

 

O Tribunal Supremo resolveu definitivamente a cuestión mediante sentenzas de 23 de marzo e 20 de abril de 2017, nas que conclúe que o artigo 35.5 do Estatuto dos Traballadores, que é a norma legal de aplicación, non establece a obriga de rexistrar diariamente a xornada ordinaria, senón só as horas extraordinarias no caso de que se produzan. “Con todo, manifesta que sería conveniente unha reforma lexislativa que clarificase a obriga de levar un rexistro horario e facilitase ao traballador a proba da realización de horas extraordinarias”, indica o sindicato nacionalista.

 

A Proposición de Lei que promove a CIG cubriría esa necesidade de clarificación normativa e seguridade xurídica, modificando os artigos 34 e 35 do Estatuto dos Traballadores para establecer a obriga para todas as empresas de rexistrar diariamente a xornada dos seus traballadores, en termos similares á regulación actualmente existente para os traballadores móbiles no artigo 10 bis.5 do Real Decreto sobre xornadas especiais de traballo. Tamén se modificaría o artigo 7.5 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, a fin de establecer como unha infracción grave en materia de relacións laborais individuais e colectivas a falta de control ou incorrecto control do rexistro diario de xornada.

 

No 2015 realizáronse no estado español un total de 327 millóns de horas extras. Unha media de 6,3 millóns á semana. Desa cantidade semanal, a maior parte (por volta de 3,5 millón) non se retribúen. Nun con cartos nin con tempo de descanso. Algo que se fai só en 2,8 millóns de cada 6,3 millóns de horas de exceso de xornada que se realizan á semana. Son datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e as conclusións son evidentes: o 56% das horas extras que se fan no estado español non se pagan. Ou sexa, perto de 183.120.000 horas anuais sen retribuír.